#NeThinking volve converter San Simón en centro de debate sobre a rede e os novos medios

Imaxe da edición de NeThinking de 2011 CC-BY-NC-ND Marilink

Volve o #NeThinking á Illa de San Simón, que de novo se converterá durante dous días nun espazo privilexiado para debater ao redor da rede, a tecnoloxía, a comunicación e os novos medios. Agustín Fernández Mallo, Yoani Sánchez, Javier Pedreira “Wicho”, Mario Tascón, Antonio Delgado ou Eduardo Arcos participarán o 26 e o 27 de abril no #NeThinking2013, a terceira edición destes encontros, que tamén se poderán seguir por streaming. Tamén haberá unha completa cobertura a través de twitter, na conta @illasansimon. Tamén contará coa participación de Carmela Ríos, Raquel Martos, José Jiménez Moltó @kurioso, Julián Hernández, Antón Losada ou Marilin Gonzalo, xefa de produto en eldiario.es.

Algúns dos paneis nos que se divide o encontro e que de seguro espertarán intensos debates son Novos medios de comunicación na era dixital: Como se están adaptando os medios de comunicación e os xornalistas a internet?. Escribir en internet. Educación dixital: Existen os nativos digitais?. Industria Cultural na rede: Como utilizar internet para a creación e comercialización de contidos culturais?. Contidos. Que estratexias seguimos para captar a atención e conseguir viralidade?. Ou A información teledirixida: Estase a romper a interactuación informante-informador?

Os debates comezarán o venres ás cinco da tarde e desenvolveranse até o sábado á noitiña, cando se elaborarán e lerán as conclusións das conversas.

Imaxe da edición de NeThinking de 2011 CC-BY-NC-ND Marilink

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.