Ninguén quere as 9.000 cintas de vídeo “obsoletas” que tentou vender a TVG, que agora convoca unha poxa á baixa

Sede da CRTVG en San Marcos (Santiago), nunha imaxe difundida pola Corporación pública © CRTVG

A corporación, que antes aspiraba a lograr cando menos 71.000 euros por elas, está disposta agora a entregalas cun desconto de ata o 80% do prezo inicial

A comezos de abril a CRTVG convocou unha poxa para intentar vender por un mínimo de 71.000 euros un total de 9.070 cintas de vídeo con formato DVCPro que lle quedaron obsoletas tras o proceso de dixitalización iniciado pola corporación pública hai un tempo. Ninguén se presentou ao proceso e agora, tras declaralo deserto, vén de abrir unha nova poxa, pero agora á baixa, na que está disposta a desfacerse das cintas mesmo por só un 20% do prezo de saída, isto é, cun desconto de ata o 80% do prezo inicial.

Prego de condicións da poxa á baixa convocada pola CRTVG para vender as cintas de vídeo CC-BY-SA Praza Pública

“Todas as cintas son novas, están gardadas nos seus estoxos e cos embalaxes e/ou precintos cerrados”, di sobre o material a corporación, que permite que os interesados poidan realizar ofertas para adquirir só unha parte dos cinco lotes en que dividiu a oferta. A corporación irá entregando as cintas en orde de maior a menor prezo ofertado.

A memoria coa que a CRTVG xustificou desfacerse dese material lembra o proceso de dixitalización da TVG. Con el xa “a pleno rendemento, os aparellos e elementos empregados no anterior sistema analóxico, de produción e edición quedaron obsoletos”, di, e engade que “entre estes elementos atópanse unhas cintas de vídeo DVCPro que xa non reúnen as características precisas para a fin a que foron adquiridas, non cumpren actualmente ningunha función nin é previsible o seu uso futuro próximo”, polo que “coa finalidade de reducir os custes de almacenamento, de non manter activos non operativos, proponse o seu alleamento mediante poxa”.

Unha cámara da TVG © CRTVG

A metade das cintas que conserva a TVG no seu arquivo, "o activo máis valioso da CRTVG", están en formato DVCPro polo que aínda mantén magnetoscopios para reproducilas e dixitalizalas

Que a TVG venda agora estas cintas de vídeo novas porque xa non as precise non quere dicir que non siga tendo ese formato DVCPro. “Na actualidade unha porcentaxe de cintas do arquivo superior ao 50% está nese formato”, dicía hai uns meses noutro proceso de contratación de repostos para os magnetoscopios de marca Panasonic que aínda ten para poder reproducir esas cintas. Daquela lembraba como “no ano 2015, Panasonic comunicou que deixaba de fabricar ou prover repostos para este tipo de magnetoscopios, dado que coa evolución tecnolóxica o novo soporte das gravacións de vídeo eran as tarxetas de memoria, á vez que as televisións evolucionaron a centros de produción sen cintas”. “Esta situación foi a que marcou o inicio do proceso de dixitalización da CRTVG, que comezou a principios do anot 2017”, engadía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.