A TVG intenta vender 9.000 cintas de vídeo que lle “quedaron obsoletas” tras a dixitalización dos seus sistemas

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Hemeroteca

A corporación agarda obter cando menos 71.000 euros na poxa que vén de convocar para desfacerse dun material que pode ser adquirido por partes

A CRTVG vén de convocar unha poxa para intentar vender ao mellor prezo posible, pero cando menos por uns 71.000 euros, algo máis de 9.000 cintas de vídeo DVCPro de cinco características distintas que lle quedaron sen usar tras o proceso de dixitalización dos sistemas da TVG. “Todas as cintas son novas, están gardadas nos seus estoxos e cos embalaxes e/ou precintos cerrados”, di a corporación, que permite que os interesados poidan realizar ofertas para adquirir só unha parte do material.

Características das cintas das que se quere desfacer a CRTVG CC-BY-SA Praza Pública

A memoria coa que a CRTVG xustifica desfacerse dese material lembra o proceso de dixitalización da TVG. Con el xa “a pleno rendemento, os aparellos e elementos empregados no anterior sistema analóxico, de produción e edición quedaron obsoletos”, di, e engade que “entre estes elementos atópanse unhas cintas de vídeo DVCPro que xa non reúnen as características precisas para a fin a que foron adquiridas, non cumpren actualmente ningunha función nin é previsible o seu uso futuro próximo”, polo que “coa finalidade de reducir os custes de almacenamento, de non manter activos non operativos, proponse o seu alleamento mediante poxa”.

No proceso agora aberto “os interesados non terán que presentar oferta á totalidade do lote nin é obriga presentar oferta a todos os lotes”. As ofertas que se reciban ordenaranse de maior a menor importe ofrecido “ata esgotar o número de unidades obxecto de alleamento”.

A metade das cintas que conserva a TVG no seu arquivo, "o activo máis valioso da CRTVG", están en formato DVCPro polo que aínda mantén magnetoscopios para reproducilas e dixitalizalas

Que a TVG venda agora estas cintas de vídeo novas porque xa non as precise non quere dicir que non siga tendo ese formato DVCPro. “Na actualidade unha porcentaxe de cintas do arquivo superior ao 50% está nese formato”, dicía hai uns meses noutro proceso de contratación de repostos para os magnetoscopios de marca Panasonic que aínda ten para poder reproducir esas cintas. Daquela lembraba como “no ano 2015, Panasonic comunicou que deixaba de fabricar ou prover repostos para este tipo de magnetoscopios, dado que coa evolución tecnolóxica o novo soporte das gravacións de vídeo eran as tarxetas de memoria, á vez que as televisións evolucionaron a centros de produción sen cintas”. “Esta situación foi a que marcou o inicio do proceso de dixitalización da CRTVG, que comezou a principios do ano 2017”, engadía. 

Para conservar o seu arquivo -“o activo máis valioso da CRTVG”, dicía a corporación- estanse a dixitalizar as cintas, para o que a TVG “conserva operativos os seus magnetoscopios DVCPro e dispón dunha instalación robotizada na inxesta de arquivo para proceder á dixitalización deses contidos que aínda están nas cintas DVC Pro”.

Unha cámara da TVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.