O 70% da poboación galega respira aire contaminado

Os automóbiles son unha das principais fontes de contaminación CC-BY-SA Un claro no bosque

Xosé Veiras debulla n'Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo e biodiversidade de Praza Pública, os datos da calidade do aire en Galicia segundo os informes máis recentes. 

A calidade do aire no noso país, como no conxunto de Europa, deixa bastante a desexar. Da análise máis ampla e recente, o informe La calidad del aire en el Estado español durante 2012, de Ecoloxistas en Acción, despréndese que o 68,5% da poboación galega respira aire sucio, de acordo coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), máis esixentes que os límites legais en vigor na UE. A situación é ben preocupante, aínda que mellorou en comparación con 2011, ao baixar nuns 10 puntos a porcentaxe de poboación afectada pola mala calidade do aire.

Usando os mesmos datos que Ecoloxistas en Acción, os datos obtidos nas estacións de medición da calidade do aire das industrias e da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas , a Xunta presentará proximamente, como vén facendo nos últimos anos, un informe anual sobre a calidade do aire que ofrecerá un diagnóstico moito máis tranquilizador: toda a poboación galega respira aire limpo. E é que a Xunta, a diferenza de Ecoloxistas en Acción e da Axencia Europea de Medio Ambiente, coida que o aire está limpo sempre que non se incumpra a lexislación. Mais esta non protexe adecuadamente a saúde. Un estudo recente da OMS, encargado pola Comisión Europea e baseado en investigacións publicadas en revistas científicas especializadas durante os últimos anos, revelou que a contaminación dana a saúde humana máis do que se cría e recomendou endurecer a lexislación. europea.

A Xunta, a diferenza de Ecoloxistas en Acción e da Axencia Europea de Medio Ambiente, coida que o aire está limpo sempre que non se incumpra a lei

De acordo coa metodoloxía do informe de Ecoloxistas en Acción, considérase que a poboación dunha das zonas nas que se divide o territorio a efectos de avaliación da calidade do aire respira aire sucio cando a media das concentracións no aire medidas nas estacións situadas nesa zona supera os valores límite legalmente vixentes e/ou os propostos pola OMS, máis estritos. Os contaminantes atmosféricos que ten en conta o estudo son as partículas en suspensión con diámetro inferior a 10 e 2,5 micras (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2), o ozono (O3) das capas baixas da atmosfera e o dióxido de xofre (SO2). O informe non abrangue os gases de efecto invernadoiro regulados polo Protocolo de Quioto, como o dióxido de carbono (CO2), causantes do temíbel cambio climático (1).

A contaminación esténdese por todo o país

As zonas de Galicia nas que o aire está contaminado son as seguintes (entre parénteses sinálanse os contaminantes responsábeis): A Coruña (PM10, SO2), Ferrol (O3), Santiago (PM2,5, O3), Lugo (PM10,O3, SO2 ), Pontevedra (PM10), Vigo (PM10, PM2,5), Terra Chá (SO2), A Limia-Miño ( PM10, PM2,5, O3), Sur das Rías Baixas (PM2,5), A Mariña (SO2) e Arteixo (SO2). No caso das zonas denominadas Terra Chá (que excede amplamente a comarca do mesmo nome), Sur das Rías Baixas (que non inclúe as cidades de Pontevedra e Vigo) e A Mariña, a superación de valores máximos propostos pola OMS é debida, respectivamente, a estacións situadas na contorna de Cementos Cosmos (en Sarria), de ENCE (en Marín) e de Alcoa (en Xove).

No que atinxe á zona A Limia-Miño, a definición como zona contaminada é atribuíbel aos valores rexistrados en Ponteareas. Na estación desta localidade, posta en marcha pola Xunta en 2011, rexistrouse o valor máis alto de todo o país da media anual da concentración de PM2,5, o contaminante máis preocupante. Alén diso, foi a única estación fóra das principais cidades na que se superou claramente o valor recomendado pola OMS para a media anual de PM10. Os datos de Ponteareas poderían suxerir a existencia de problemas importantes de deterioración da calidade do aire noutras localidades de tamaño semellante, nas que non se obteñen datos sobre a calidade do aire.

“O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación: os polígonos industriais, as centrais enerxéticas de carbón, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes urbes”

As industrias mencionadas máis arriba non foron as únicas que contribuíron a provocar superacións nalgúnhas estacións de segumento da calidade do aire dos limiares de concentración no aire de contaminantes propostos pola OMS. Tamén hai que incluír as centrais térmicas de carbón das Pontes (O3) e de Meirama (PM2,5, SO2) ou SOGAMA (SO2).

De acordo coa análise particular da situación en Galicia que fai o informe de Ecoloxistas en Acción, “o cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación: os polígonos industriais, as centrais enerxéticas de carbón, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes urbes”. A contaminación orixinada nas áreas urbanas e en industrias afecta a zonas afastadas e rurais na forma de ozono troposférico. A contaminación do aire está presente pois, en maior ou menor medida, dun ou doutro xeito, en grande parte do país.

Nota
(1) Estes gases non son contaminantes locais. Os seus efectos negativos, tamén os sanitarios, prodúcense a través da indución da mudanza climática global, mais non de forma directa. As emisións de gases de efecto invernadoiro son indicadores do impacto dunha sociedade sobre o planeta. Encol da evolución recente das emisións destes gases en Galicia pódese consultar neste mesmo blog: A recuperación da produción eléctrica con carbón dispara as emisións galegas de gases de invernadoiro en plena crise.

Os automóbiles son unha das principais fontes de contaminación CC-BY-SA Un claro no bosque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.