1.600 nenos e nenas de centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria dos concellos de Boqueixón, Ordes, Ames, Santiago, Teo, Ribeira, Vedra, Negreira, Val do Dubra, Arzúa, Rois e Vimianzo participaron este luns no Correlingua en Compostela, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG-Ensino.
O uso do galego nas materias científicas está vetado polo Decreto de Plurilingüismo aprobado no ano 2010 polo Goberno do Partido Popular
O lema era nesta ocasión "O galego é a fórmula", facendo fincapé na reivindicación de que a lingua galega se poida empregar no ensino e aprendizaxe das materias de ciencias, algo prohibido polo Decreto de Plurilingüismo aprobado no ano 2010 polo Goberno do Partido Popular. Neste 2019 celébrase o 150 aniversario da creación da Táboa Periódica.
Rapazada e profesorado percorreron as rúas da zona vella de Compostela, con saída e chegada na Praza da Quintana, onde se leu un manifesto elaborado polo alumnado de 4º da ESO do IES de Carral, elixido hai meses por un xurado. O texto, titulado "Temos química co galego", reclama que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. Na marcha houbo ademais outras reivindicacións, referidas por exemplo ao incremento da programación infantil e xuvenil e dos recursos audiovisuais en galego.
Na Quintana tivo lugar ademais a entrega de premios ás mellores pancartas que recaeron por esta orde no IES Leliadoura de Ribeira, o CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón e o CEP Plurilingüe de Ventín (Ames), que obtivo o primeiro premio cun nutrido grupo de alumnado participante. O acto foi conducido pola actriz Isabel Risco e no que interviron o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
A festa rematou coa actuación da cantautora cambadesa Pauliña, que foi a gañadora este ano do concurso Cantalingua, e que animou os presentes a falar galego "sen complexos", a espallalo polas redes sociais e a vivir o día a día nunha lingua "que é unha riqueza inmensa que temos"
