O editatón chega a Vigo para encher a Galipedia de contidos sobre cultura libre

Páxina de Galpon Dominio Público Grupo de Amigos de Línux de Pontevedra

Un editatón é unha reunión onde os participantes se xuntan para editar a Wikipedia, tanto de forma presencial coma virtual. Cada editatón adoita dedicarse a un tema concreto. O vindeiro 28 de febreiro o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) organiza o primeiro Editatón celebrado en Vigo, que terá lugar dentro do 3º ciclo dos Sábados Libres na Residencia Altamar.

O obxectivo é crear ou melloras as entradas existentes na Wikipedia en galego sobre cultura libre e software libre

Se o pasado mes de novembro o primeiro Editatón da Galipedia, celebrado en Lugo, centrouse na ciencia e nos seus profesionais, nesta ocasión o obxectivo é crear ou melloras as entradas existentes na Wikipedia en galego sobre cultura libre e software libre. Software privativo, Copiade, malditos!, MOOC, Cultura libre, Datos abertos, Licenzas Creative Commons, Hardware libre, Arquitectura aberta, Bitcoin, Educación aberta ou Impresora 3D son algúns dos artigos que se propón crear, mentres que se quere desenvolver ou corrixir a información existente sobre Arduino, Inkscape, GIMP, Creative Commons, Copyleft, Chamilo, MySQL ou Proxecto GNU.

Tamén sinalan como un obxectivo importante "a colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento"

Pódese participar no editatón de xeito virtual, dende a casa, colaborando na creación ou mellora desta entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir precisamente nesoutros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade. De feito, para ese día 28 está programado un obradoiro de introdución á Galipedia e á edición co Editor visual. De igual xeito, ademais da creación e mellora de artigos relacionados coas tecnoloxías e a cultura libres, dende Galpon tamén sinalan como un obxectivo importante "a colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento".

Os organizadores pídenlles aos posibles participantes que, asistan presencialmente ou non, se inscriban previamente, para facilitar a organización do traballo.

Páxina de Galpon Dominio Público Grupo de Amigos de Línux de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.