O galego Juanjo Amorín, director de contidos de Terra.es, que se converte en xornal dixital

Juanjo Amorín, segundo pola dereita © Terra

O mundo do xornalismo dixital en España segue movéndose. Hai unhas semanas comezaba a funcionar, por exemplo, o Huffington Post e en setembro farao eldiario.es, a aposta de Ignacio Escolar e dun numeroso grupo de profesionais saídos da redacción de Público. Este xoves inicia a súa andaina Terra España, o portal de contidos, que agora adopta unha estrutura de portal informativo, seguindo o modelo que emprega en 18 países de América Latina, onde conta con 100 millóns de lectores todos os meses.

O director de contidos de Terra España será o galego Juanjo Amorín

A posta de Terra polo xornalismo terá a súa base nun equipo de 60 profesionais, 40 deles xornalistas, e parece reproducir o esquema ao que asistimos dende hai anos nos Estados Unidos, onde fronte ao peche de xornais e empresas informativas, as únicas compañías que están contratando xornalistas son American Online ou Yahoo, para os portais informativos, nacionais ou locais, que foron lanzando. 

O director de contidos de Terra España será o galego Juanjo Amorín, que en 1998 fundou Vínculo Media, primeira produtora de contidos e formatos exclusivos para Internet en España e que posteriormente foi director de 20minutos.es e fundou a guía de ocio local e social Kedin.es. O programa Banda Ancha, da Radio Galega, emitirá este sábado unha entrevista con Amorín, para falar no proxecto.

Juanjo Amorín, segundo pola dereita © Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.