O IGFAE xa fora acreditado en 2017 como Unidade de Excelencia, un fito que o converteu no primeiro centro galego en recibir este recoñecemento e xerou unha profunda transformación, impulsando o crecemento do centro, tanto na súa organización como na estrutura e rendemento científico
A Axencia Estatal de Investigación vén de acreditar o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta, como Unidade de Excelencia María de Maeztu. O recoñecemento supón, en primeiro lugar, un financiamento extraordinario de 2,6 millóns de euros durante os vindeiros catro anos e, ademais, permitirá un grande impulso á actividade investigadora da entidade.
A decisión "abre unha nova etapa na consolidación do centro", destaca o IGFAE, que precisamente neste ano 2024 celebra o seu 25 aniversario. O director do IGFAE, Carlos Salgado, salienta que a renovación como Unidade de Excelencia María de Maeztu “é un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos, nun ciclo iniciado pola primeira acreditación, que produciu unha transformación completa do IGFAE, e un impulso ao ambicioso proxecto estratéxico proposto para os próximos anos”.
"É un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos, nun ciclo iniciado pola primeira acreditación, que produciu unha transformación completa do IGFAE, e un impulso ao ambicioso proxecto estratéxico proposto para os próximos anos”, destaca o director do IGFAE, Carlos Salgado
O IGFAE xa fora acreditado en 2017 como Unidade de Excelencia, un fito que o converteu no primeiro centro galego en recibir este recoñecemento e xerou unha profunda transformación, impulsando o crecemento do centro, tanto na súa organización como na estrutura e rendemento científico. “Esta nova fase coincide coa apertura da nova sede do IGFAE, deseñada para contar coas infraestruturas científicas esenciais para dar resposta aos nosos retos científicos”, engade Carlos Salgado.
Pola súa banda, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, salientou que "a consideración de Unidade de Excelencia debe ser un novo estímulo para o IGFAE, un instituto de recoñecida capacidade no seu ámbito tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”. Bermejo sinala que a USC “desenvolve unha política activa de promoción do talento, tanto en retención como en captación así como no fortalecemento das nosas estruturas de investigación, xa que consideramos que está demostrado que son estas estruturas as máis adecuadas para desenvolver a investigación do século XXI"
O equipo do Instituto vai estar presente en proxectos científicos que nos vindeiros anos afrontarán un grande avance, como as actualizacións no LHC do CERN ou o Observatorio Pierre Auger, a detección e análise de ondas gravitacionais (LIGO), ou os experimentos de neutrinos DUNE, NEXT ou HyperKamiokande
O equipo investigador do Instituto vai estar presente en proxectos científicos que nos vindeiros anos afrontarán un grande avance, como as actualizacións no LHC do CERN ou o Observatorio Pierre Auger, a detección e análise de ondas gravitacionais (LIGO), ou os experimentos de neutrinos DUNE, NEXT ou HyperKamiokande e o desenvolvemento das infraestruturas de Física Nuclear GSI/FAIR, FRIB, etc.
Igualmente, a estratexia de formación e promoción de talento tomará pulo, cunha meirande oferta de prazas para estudantes de doutoramento, e continuarase co programa Global Talent, que durante a anterior etapa da acreditación María de Maeztu xa permitiu reforzar o nivel científico do Instituto nas súas tres áreas estratéxicas de investigación. O centro mantén, ademais, unha elevada porcentaxe de éxito en convocatorias de alto prestixio, como as do European Research Council (ERC), Marie Sklodowska-Curie, Ramón y Cajal. ou La Caixa Junior Leader.
Celebración dos 25 anos de actividade
O centro desenvolverá este ano un programa de eventos para achegar á sociedade galega o labor do Instituto e salientar o relevante papel nas máis importantes colaboracións científicas internacionais na física de partículas, astropartículas e nuclear
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías naceu co obxectivo principal de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no campo da Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, e áreas relacionadas. Un dos piares da súa sólida traxectoria aséntase na participación en infraestruturas internacionais como o CERN, GSI / FAIR, o Observatorio Pierre Auger e LIGO. Está formado actualmente por un equipo dunhas 140 persoas, entre persoal científico, técnico e de xestión. O IGFAE conta, ademais, co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Este ano o IGFAE estreará unha nova sede, coa que o instituto aumentará nun 70% a súa superficie actual, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación
O centro, creado o 27 de xullo de 1999, está a piques de celebrar o seu 25º aniversario, arredor do cal se organizará un programa de eventos para achegar á sociedade galega o labor do Instituto, e salientar o relevante papel nas máis importantes colaboracións científicas internacionais na física de partículas, astropartículas e nuclear.
Ademais, as obras de construción da nova sede do IGFAE afrontan nestes meses a súa fase final. Unha vez finalizadas, o Instituto aumentará nun 70% a súa superficie actual, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación.
A nova etapa virá tamén marcada por unha clara aposta pola redución da fenda de xénero (aínda notable, a nivel global, en ámbitos como a física de partículas), co compromiso de incrementar a atracción de persoal feminino.