"O mercado laboral non esixe grandes expertos globais, senón especialistas en áreas moi concretas"

Cartaz de The Net Room Dominio Público Praza Pública

The Net Room é un evento de formación, que a partir do mes que vén se desenvolverá de forma periódica en Compostela, ofrecendo unha ensinanza especializada en marketing online, novos modelos de negocio e outros aspectos relacionados coas novas tecnoloxías. O primeiro evento realizarase o 7 de febreiro e contará coa presenza de Pedro Serrahima, fundador e director xeral de Pepephone, operadora telefónica virtual de rápido crecemento nos últimos anos, que ofrecerá claves sobre marketing low cost.

Hai 40 prazas para as persoas interesadas en participar no curso, cun custe de 25 euros. Unha das particularidades de The Net Room é que emprega o formato de Room Learning, concentrando as sesións nun só día e nun espazo único, o Hotel Moure, situado na zona vella da cidade. Ademais das charlas impartidas por Serrahima e outros expertos, os participantes poderán realizar consultas personalizadas, en forma de asesoramento express. Ademais, haberá showrooms, instaladas nos propios cuartos do hotel, no que as empresas e iniciativas que o desexen poderán realizar presentacións. 

The Net Room é unha iniciativa de Laura Camino e María Mosquera, dúas xornalistas novas especializadas en redes sociais, entornos dixitais e comunicación online, con quen falamos.

"The Net Room vai dirixido a todas esas persoas que precisen dunha actualización continua en contidos e conceptos e queiran facelo dunha forma innovadora, específica e produtiva"

A que tipo de público vai dirixido The Net Room?

Moitas áreas profesionais, se non todas, sufriron grandes cambios, e seguen facéndoo día a día, cos constantes avances en novas tecnoloxías, dixitalización e universo online. Algunhas mudaron completamente os seus formulamentos e rutinas de traballo, outras atoparon nas novas ferramentas un complemento perfecto para axilizar as tarefas diarias ou diminuír custes, como ocorre coa área do personal branding ou o marketing online, e mesmo temos unhas cantas que case acaban de nacer, como é todo o universo de métricas. O mercado laboral non esixe grandes expertos globais, senón especialistas en áreas moi concretas. The Net Room vai dirixido a todas esas persoas que precisen dunha actualización continua en contidos e conceptos e queiran facelo dunha forma innovadora, específica e produtiva con cada un dos temas abordados nas diferentes sesións.

A primeira delas, o 7 de febreiro, apunta a perfís tan dispares como emprendedores de grandes e medianas compañías, ate pequenos proxectos empresariais, pasando por aquelas persoas que estean buscando vender o seu produto/servizo ou traballar a súa marca persoal en redes sociais e web ou simplemente optimizar o seu blog. Baixo o epígrafe de Marketing Low Cost, coñecerán tanto as claves da exitosa traxectoria levada a cabo pola pequena-gran Pepephone, da man do seu director xeral Pedro Serrahima; como as ferramentas necesarias, a nivel usuario, para poñer en marcha unha estratexia low cost (de marca, produto ou servizo), gracias á nosa experta en marketing online María Mosquera.

Que destacaríades de Pedro Serrahima?

Se hai algo que destaca de Pedro Serrahima, ademais de ser o empresario máis infuínte do ano 2013 na área de operadores de telecomunicacións, segundo El Economista, é dende logo a filosofía que tan brillantemente aplicou á xestión de Pepephone. Unha operadora virtual que, cos mesmos 12 empregados de hai 7 anos, consegue competir hoxe coas grandes do país, e facelo cunha estratexia tan sinxela como ser normais e fuxir de trucos para captar clientes ou facelos permanecer a base de agasallos. Os propios clientes son os seus mellores prescriptores. É o trunfo do boca a boca levado á esfera dixital. E un éxito rotundo en marketing low cost, desde logo. Lonxe de ser un directivo de altos despachos, Serrahima é un profesional cos pés no chan, transparente e dende logo moi xeneroso. Non é unha persoa moi dada a conferencias nin aparicións en medios, así que poder contar con el para a estrea de The Net Room é un auténtico privilexio.

"O que ocorre con todas estas temáticas é que existen apartados moi concretos e conceptos moi específicos que nos grandes eventos se tratan de forma superficial ou se perden nun mar de contidos"

Segue faltando formación sobre estas temáticas (redes sociais, novas fórmulas de negocio...)? Son temas que se nomean moito, pero falta afondar neles?

Efectivamente. Cada vez son máis os eventos relacionados coas novas tendencias aplicadas ao mundo das redes sociais, e o certo é que é unha ledicia ver tanto as iniciativas que se poñen en marcha como o interese do público por formar parte delas. O que ocorre con todas estas temáticas é que existen apartados moi concretos e conceptos moi específicos que precisan ser explicados en profundidade, como é o caso do ROI (retorno do investimento) ou o e-mail marketing, por exemplo, que nos grandes eventos se tratan de forma superficial ou se perden nun mar de contidos. Seguindo esa tendencia do mercado de buscar a especialización profesional, The Net Room nace tamén con vocación de especialización e actualización, xa que trata en cada unha das sesións conceptos moi concretos. Nesta primeira, as claves da estratexia de marketing low cost e as súas ferramentas, analizadas ao detalle.

Que importancia ten o espazo en The Net Room? Que vantaxes achega o feito de que as actividades se realicen no hotel e que os convidados estean dispoñibles alí?

O Room Learning pretende crear unha atmosfera máis próxima, máis íntima, lonxe de escenarios e butacas, de ti a ti. Alumnos e profesor están ao mesmo nivel, facilitando preguntas e comentarios. Elixindo un hotel como emprazamento tamén buscamos que a formación sexa parte dunha experiencia diferente e máis atractiva na que tamén se inclúe unha parte de Asesoramento Express, unha oportunidade única de consultarlles dúbidas concretas aos expertos cara a cara. Por último, queremos que The Net Room sexa un espazo no que os asistentes poidan entrar en contacto con outros profesionais, por iso ofreceremos un aperitivo e propiciaremos o networking como final da xornada.

"O Room Learning pretende crear unha atmosfera máis próxima, máis íntima, lonxe de escenarios e butacas, de ti a ti. Alumnos e profesor están ao mesmo nivel, facilitando preguntas e comentarios"

Como serán os showrooms que propoñedes con marcas mecenas?

Ofrecémoslles aos mecenas que aluguen unha habitación para que a personalicen como queiran, para expoñer os seus produtos. Os asistentes do evento poderán visitalas para informarse e ver as propostas das marcas ao longo da tarde. É un formato moi orixinal e directo para facer Marketing Low Cost.

Que tipo de temáticas vos interesaría tratar nas seguintes sesións de The Net Room?

Nas próximas sesións intentaremos traer a expertos en áreas trending e en campos de traballo moi específico. Segundo as peticións que xa nos está a facer a xente, poderían ser en sectores específicos como a gastronomía ou o turismo, especialidades como o ROI (retorno do investimento) nas diferentes ramas do marketing ou novidades en software, novas tecnoloxías, videoxogos... Buscaremos ofrecer formación que non exista da man de profesionais que xa estean traballando sobre o terreo. Estamos abertas a suxestións, non temos aínda todas as sesións pechadas.

Cartaz de The Net Room Dominio Público Praza Pública
Pedro Serrahima Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.