O Museo do Pobo aposta pola enerxía xeotérmica para alimentar a calefacción do edificio

Sondaxes para a instalación da xeotermia no Museo do Pobo Galego © Consorcio de Santiago

A xeotermia é unha fonte de enerxía renovable pouco empregada en Galicia e relativamente descoñecida para moitas persoas. Baséase no aproveitamento da calor contida no interior da terra e utilízase principalmente para a climatización de edificios, sendo o noso país un dos territorios do Estado con máis potencial de uso, por razóns xeolóxicas, xa que os solos graníticos facilitan a súa utilización, pola súa alta condutividade térmica e por seren facilmente perforables. Dende o 2010 funciona a Asociación Cluster da Xeotermia Galega (ACLUXEGA), que busca desenvolver o uso desta enerxía.

“Esta medida suporá unha notable diminución do consumo anual de enerxía no edificio, evitando ademais a emisión á atmosfera de gases contaminantes de efecto invernadoiro"

Dende hai meses estanse a realizar, dirixidas polo Consorcio de Santiago, obras de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego. No marco desta actuación lévanse a cabo nestes momentos sondaxes que permitirán en breve aproveitar a enerxía xeotérmica para producir calor e frío de xeito sostible. 

Os responsables da actuación destacan que “esta medida suporá unha notable diminución do consumo anual de enerxía no edificio, evitando ademais a emisión á atmosfera de gases contaminantes de efecto invernadoiro". E subliñan que "a enerxía xeotérmica non devolve á atmosfera o CO2 acumulado durante séculos, como si ocorre coa biomasa ou, de xeito moi marcado, cos derivados do petróleo”.

Sondaxes para a instalación da xeotermia no Museo do Pobo Galego © Consorcio de Santiago

O Museo do Pobo converterase no primeiro edificio patrimonial de Compostela que empregue a enerxía xeotérmica, instalada dende hai anos no Parlamento de Galicia

O Museo do Pobo converterase así, ademais, no primeiro edificio patrimonial de Compostela que empregue a enerxía xeotérmica. Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida, arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, son os responsables deste proxecto e destacan a este respecto “en Santiago hai moi poucos edificios que obteñan a enerxía de acondicionamento térmico da xeotermia e ningún é patrimonial".

Si o fai o Parlamento de Galicia, que no ano 2008 puxo en marcha un sistema de calefacción xeotérmico. Houbo que facer 18 pozos duns 125 metros para extraer do subsolo a calor necesaria para quentar auga a 45 graos. A actuación tivo un custo importante -uns 130.000 euros-, pero dende entón vén representando un gran aforro nos gastos xerados polo edificio.

Galicia conta cun subsolo moi propicio para as instalacións de aproveitamento da calor da terra. Un informe do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) subliñaba que practicamente todo o país contaba cunha potencia térmica superficial importante. Galicia era, ademais, a quinta comunidade autónoma con máis potencia térmica total instalada. Acluxega sinala que a pesar disto “a enerxía xeotérmica, vinculada ao aproveitamento da calor da terra, é aínda a gran descoñecida das enerxías renovables”.

Mapa de potencia térmica superficial de Galicia © IDAE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.