A eliminación da gratuidade dos libros de texto, implantada polo bipartito mediante un sistema de préstamo, foi unha das decisións máis controvertidas da Consellería de Educación. Apelando á omnipresente "austeridade", pero tamén á "igualdade de oportunidades educativas" ou á "mellora continua da calidade e da equidade do sistema", entre outros factores, o departamento que dirixe Jesús Vázquez creou a denominada "gratuidade solidaria", un sistema que obriga as familias a volver abrir a carteira cada comezo de curso e a agardar que a Xunta lles conceda unha axuda para sufragar parcialmente os gastos dos manuais escolares. O Executivo semella agora querer, en certo xeito, paliar os efectos da súa propia decisión.
Como informou Praza Pública, a propia Consellería admite que a cobertura das axudas dista moito de ser universal. Ben ao contrario, segundo consta nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013 os subsidios beneficiarán uns 163.000 estudantes, isto é, o 65% "do alumnado do ensino obrigatorio e educación especial". Isto implica, polo tanto, que o 35% do estudantado fica fóra dunhas achegas que van dende os 90 euros para familias monoparentais con renda per cápita de entre 6.000 e 9.000 euros e fillos ou fillas en Primaria ata os 180 do alumnado da ESO en cuxa casa non entren máis de 5.400 euros per cápita cada ano. Así as cousas, na maior parte dos casos a axuda da Xunta non abonda para pagar os libros.
Educación presenta a súa medida como un "apoio ás economías familiares" mentres que a comunidade educativa reclama o regreso ao sistema de préstamo
Neste contexto Educación anunciaba hai poucos días a súa intención de "ampliar de catro a seis anos a vixencia dos libros de texto e materiais curriculares" como "medida de apoio ás economías familiares no difícil contexto actual". Presentada como unha demanda histórica da comunidade educativa e obviando que colectivos de pais e estudantes reclaman con insistencia a volta do sistema de préstamo, a Xunta asegura estar a dar "pulo á política social que mantén a respeco da adquisición por parte das familias dos manuais escolares", a cal está "fundamentada nas bases" da devandita "gratuidade solidaria".
A Consellería explica que "a permanencia dos mesmos libros de texto" durante "unha etapa prudencial" contribúe "a permitir o uso por distintos membros da familia" e, ademais, "favorécese a transmisión ao lumnado, dende as prieiras etapas da súa formación, da cultura xeral do uso racional e sostible dos recursos, facéndoo dende un ámbito tan determinante para o seu desenvolvemento como é o educativo, beneficiando directamente o alumnado e as familias en xeral". Isto é, o que antes se facía dende a propia Xunta, prestando libros que cumpría devolver ao final do curso, agora o Goberno anima a que o fagan as familias se queren ou poden.
As ANPAS cren que a ampliación será útil para os bancos de libros, organizados tras a fin da gratuidade
Neste sentido, dende Confapa Galicia a súa presidenta, Helena Gómez Vecino, manifestaba nos últimos días que a medida "vén moi ben para os bancos de libros" que están a organizar as asociacións de nais e pais en diferentes puntos do país e que permiten que as familias accedan aos manuais sen teren que mercalos. "Para montalos as ANPAS pedímoslles aos claustros que, por favor, non cambien os libros ou o fagan o menos posible". Ademais, di, este sistema permite "volverlles dicir" aos nenos e nenas que "teñan coidadiño cos libros" porque "van ser para outras persoas, coomo cando había préstamo" para todo o alumnado dos centros públicos.
Así e todo, dende Confaba advirten que "non sabemos claramente as razóns" dunha medida que non é inédita no Estado, toda vez que o pasado ano xa se aplicou en idénticos termos en autonomías como Extremadura ou a Comunitat Valenciana. Ao tempo, resta saber se esta medida chegará a ter unha efectividade real no sistema educativo, toda vez que a Xunta prevé que "sexa de aplicación a partir do vindeiro curso", "procurando adiar o cambio de libros ata a aprobación da LOMCE", que vén de iniciar trámite parlamentario e "podería introducir modificacións nos currículos".