O Parlamento europeo debaterá este xoves limitar a distribución de imaxes tiradas na vía pública

Actualmente en España non hai restricións á 'liberdade de panorama' CC-BY-NC-ND Chema Concellón

A liberdade de panorama está ameazada. Que é isto? Trátase do dereito de calquera persoa a tomar imaxes na vía pública (e distribuílas) aínda que nelas aparezan obras (por exemplo esculturas, edificios, pontes e outras estruturas) suxeitas a dereitos de autor. Na actualidade a lexislación sobre a liberdade de panorama varía dun país a outro: mentres en España ou Alemaña o dereito de aplica a calquera imaxe tirada na vía pública, e no Reino Unido ou Austria afecta mesmo ao interior dos inmobles, noutros lugares está máis limitada, afectando unicamente a edificios (Dinamarca, Rusia...) ou estando directamente prohibida a difusión comercial destas fotografías (Francia, Italia, Holanda...).

O Parlamento europeo está a debater a modificación da actual directiva de dereitos de autor da UE para que a norma sexa común aos 27. Aínda que nun comezo a intención desta modificación era ampliar a liberdade de panorama (ese era o obxectivo da eurodeputada do Partido Pirata, Julia Reda, autora do borrador da lei), a proposta foi rexeitada o pasado 16 de xuño no Comité de Asuntos Xurídicos da Unión Europea debido á emenda do eurodeputado francés Jean-Marie Cavada, do grupo liberal. Cavada pretende, polo contrario, que a liberdade de panorama sexa restrinxida en toda Europa, acompasándoa á actual lexislación gala, argumentando que así se defenden os dereitos dos autores e autoras (arquitectos e arquitectas, principalmente) fronte aos xigantes tecnolóxicos coma Facebook.

"A liberdade de panorama é o recoñecemento codificado de que existe de verdade unha esfera pública para o beneficio de todos", defende Reda. "Un edificio ou unha escultura merece e recibe a protección da lei, pero o alcance de tal protección remata onde comeza a protección da esfera pública", di. Pola súa banda, Cavada denuncia que "a utilización comercial de reproducións de obras situadas en espazos públicos deriva en situacións das que son vítimas os artistas e ás veces os consumidores". "Wikimedia querería explotar estas obras con fins comerciais e non só educativos sen compensar aos autores, e Facebook evita pagar dereitos de autor pola utilización comercial de fotos subidas á súa rede ao facer recaer esta responsabilidade aos seus usuarios a través das súas condicións de utilización", engade. O deputado francés defende ademais o dereito de cada Estado de fixar a súa propia lexislación nesta cuestión.

A limitación incluiría a prohibición de compartilas en páxinas web ou redes sociais (como Facebook) que insiren publicidade

A emenda de Jean-Marie Cavada votarase en principio este xoves 9 de xullo, aínda que ten escasas posibilidades de ser aprobada. Pero que pasará se é aprobada? Xa non poderemos tirar imaxes da Cidade da Cultura ou da Estación do AVE de Vigo? Non exactamente, se a actual liberdade de panorama fose limitada ou eliminada si poderíamos libremente facer fotografías destes edificios, pero o que non poderíamos sería distribuílas comercialmente. E esta limitación incluiría a prohibición de compartilas en páxinas web ou redes sociais (como Facebook) que insiren publicidade.

O máis probable é que a emenda de Cavada sexa rexeitada

Porén, o máis probable é que a emenda de Cavada sexa rexeitada. Dende hai semanas Wikimedia iniciou un movemento de presión sobre os eurodeputados e eurodeputadas para que non recortasen este dereito. Tamén se crearon peticións online (por exemplo esta de change.org que suma case medio millón de apoios). Unha boa parte do grupo liberal, encabezado polos deputados alemáns e holandeses, posicionouse igualmente contra o texto de Cavada, presentando unha emenda alternativa. E o mesmo fixeron unha parte importante dos deputados socialdemócratas. Enrique Dans, partidario da Liberdade de Panorama, minimizou no seu blog o perigo de limitación deste dereito.

Actualmente en España non hai restricións á 'liberdade de panorama' CC-BY-NC-ND Chema Concellón
Estado actual da 'Liberdade de Panorama' en Europa. En vermello, os países máis restritivos, en verde os máis liberais. CC-BY-SA Quibik

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.