O XaTcobeo, o primeiro satélite artificial construído en Galicia, superou xa os dez meses de actividade no espazo, superando todas as expectativas previas. O proxecto da Universidade de Vigo lanzouse o 13 de febreiro dende a Güiana Francesa xunto con outros seis picosatélites. Cinco deles xa deixaron de emitir e o vigués é o único que se mantén activo, xunto co húngaro Masat-1.
A misión do XaTcobeo, que entrou en órbita cunha previsión de tres meses de vida útil, consistía en comprobar a validez do seu sistema de despregue de paneis solares e a radio reconfigurable dende a sala de control viguesa, ademais de medir os elevados niveis de radiación que soportou ao atravesar os aneis Van Allen. Polo de agora xa validou ao redor do 85% do hardware e o software e na actualidade estase á espera de que baixe a unha órbita máis favorable para realizar algún experimento máis. Nos últimos dez meses o XaTcobeo enfrontouse a uns niveis de radiación historicamente elevados e mesmo a un eclipse solar
O proxecto, denominado Dieste nun primeiro momento, foi presentado o 5 de xuño de 2008 polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Tivo un custe de 1.2 millóns de euros e foi financiado nun 50% polo Ministerio de Ciencia e Investigación, nun 25% por Retegal e noutro 25% pola Universidade de Vigo e o Instituto Nacional de Técnicas Aeroespaciais. No seu desenvolvemento participaron oito grupos de investigación, 30 doutores e 40 estudantes de postgrao.
Grazas a el a Universidade de Vigo converteuse nun referente en todo o mundo na construción deste tipo de satélites de baixo custe
Grazas a el a Universidade de Vigo converteuse nun referente en todo o mundo na construción deste tipo de satélites de baixo custe. O profesor Aguado, responsable do proxecto, participa esta semana nun congreso de estandarización e verificación de microsatélites que se celebra Xapón. Aguado explica que o sistema do XaTcobeo “funcionará de forma inmellorable en órbitas comerciais, xa que foi validado en condicións moitísimo máis esixentes respecto das que ten operado ningún cubesat ata hoxe".
