O Servizo de Normalización da USC presenta unha nova ferramenta para mellorar os correctores lingüísticos dos ordenadores

Aplicación do corrector lingüístico no MS Office © SNL USC

Dende hai meses o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago vén achegando suplementos temáticos que serven para actualizar e mellorar os programas correctores de lingua galega que se empregan nos paquetes ofimáticos MS Office e LibreOffice. Agora a SNL vén de incorporar un novo dicionario personalizado relativo ao eido das Ciencias da Saúde, que se suma aos xa existentes nos eidos de Economía e Empresa, Dereito e Matemáticas.

O SNL incorpora un suplemento especializado de termos vencellados ás Ciencias da Saúde, que se engade aos xa publicados dos eidos da Economía e Empresa, Dereito e Matemáticas

“Os correctores ortográficos presentan limitacións en textos que empregan moito léxico que vai alén da variedade estándar dun idioma —dialectal, coloquial, técnico—, o cal sinala como erros cando non o son”, explican dende o SNL 

Ao instalar e activar estes suplementos "engádenselle á lista de palabras que o corrector considera adecuadas varios miles de termos técnicos de cada un deses ámbitos, o que evitará que sexan marcadas como sospeitosas cando se utilicen nun documento”, apuntan dende o SNL. Non se trata de produtos pechados, senón que se irán actualizando e ampliando a medida que a terminoloxía correspondente se amplíe no bUSCatermos.

Todo este conxunto de materiais pódese descargar libremente desde esta páxina, onde tamén se pode visualizar un vídeo sobre como instalar e activar os suplementos temáticos para o corrector ortográfico que se empregue.

Poden ser incorporados de balde aos programas de corrección empregados no LibreOffice ou no MS Office

Este Suplemento de Ciencias da Saúde responde tanto a peticións de apoio terminolóxico por parte das comisións de normalización lingüística das facultades de Medicina e Odontoloxía e mais Farmacia, como á Acción 2.8 do Plan de Actuacións de Normalización Lingüística 2020-2022 da USC na que se establece a necesidade de “elaborar materiais útiles para a comunidade universitaria e tamén para a sociedade en xeral, especialmente para a educación secundaria”. Igualmente responde a unha das accións estratéxicas do Plan Estratéxico Ponte da Facultade de Medicina e Odontoloxía relativa á mellora dos recursos dispoñibles en terminoloxía médica e odontolóxica.

Termos esenciais da Covid-19

Nos últimos meses o Servizo de Normalización Lingüística publicou unha páxina especial dedicada a recoller ao redor de 200 termos esenciais da Covid-19. A páxina dá acceso a case 200 fichas de bUSCatermos que describen conceptos relacionados coa pandemia da COVID-19 nas súas vertentes sanitaria e epidemiolóxica. Cada unha delas recolle, como mínimo, a definición do concepto, os nomes polos que é coñecido en galego, español e inglés, e a área ou áreas temáticas en que pode inscribirse. Alí aparecen dende gotícula, zoonose, infodemia ou espícula ata gromo ou desconfinamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.