O sistema galego contra afundimentos busca apoios para implantalo xa no mar

Rolda de prensa dos responsables de Kafloat © Kafloat

Hai agora trece anos, a empresa galega Kafloat obtivo as patentes para 23 países (EUA, Canadá, 18 da UE, Hong Konk, Xapón e Australia) logo de anos de traballo, dun labor intenso de I+D+i e de elevados investimentos. Foi daquela cando o denominado Sistema Autónomo de Salvamento da Vida Humana no mar comezou a saltar ás portadas, ao comprobarse a súa eficacia para manter a flote un barco sinistrado e como método eficaz para evitar o seu afundimento. Xa en 2003 demostrouse a súa viabilidade técnica e tres anos despois obtivo a certificación por parte da sociedade de clasificación Bureau Veritas. En 2008, a Xunta sacou un concurso para a súa instalación co fin de valorar a súa utilidade, o que levou a que fose instalado con éxito nun buque gardacostas; dous anos máis tarde, un oficio da Dirección Xeral da Mariña Mercante recoñece a súa utilidade pola "importancia que pode ter para a seguridade da vida no mar", tal e como citou este organismo de Fomento, e hai tan só un ano foi definitivamente homologado por parte deste organismo de Fomento.

O sistema antiafundimentos busca agora socios e apoio empresarial logo de ser homologado e avalado por Fomento e a Xunta

Foi o mariño galegp Vicente López-Pérea o que deseñou, hai máis dunha década, este sistema que agora busca socios e apoio para que sexa implantado e se poidan así evitar máis afundimentos. Sen eses apoios, a súa consolidación industrial e comercial non será posible, malia que a súa eficaciá, segundo os seus promotores, está máis que demostrada. Así o explicaron este xoves na Coruña, onde explicaron que o obxectivo deste sistema é "manter a tripulación o maior tempo posible a bordo".

Agora, e logo dos últimos e tráxicos accidentes no mar que afectaron a embarcacións e mariñeiros galegos, os promotores de Kafloat reclaman máis apoio para poder xeneralizar un sistema que xa foi instalado en tres embarcacións e que foi optimizado para barcos de ata 30 metros de eslora. O sistema mellora a seguridade en caso de avaría ou entrada de auga no buque e consiste no inflado automático duns flotadores no exterior do casco que complementan a reserva de flotabilidade e estabilidade dos barcos e que podería atrasar o seu afundimento e incluso proporcionar máis tempo para que se arranxe un problema.

"Numerosas desgrazas que golpearon a pesca galega poderían terse minimizado de estar implantado un sistema como o Kafloat"

"Numerosas desgrazas que golpearon a pesca galega poderían terse minimizado de estar implantado un sistema como o Kafloat", engaden nun documento os seus impulsores, que agora buscan socios que acheguen transferencia tecnolóxica e que reforcen a estrutura empresarial que precisa o proxecto, que sufriu un importante descenso da súa posibilidade económica logo do longo proceso para acadar as autorizacións e homologacións necesarias.

"A empresa ten xa todo o necesario administrativamente para consolidar o seu negocio. Temos todas as certificacións españolas oficiais que avalan a viabilidade deste sistema", aseguran, tras uns cálculos cos que aseguran que a implantanción do Kafloat en 1.300 barcos (o 12% da frota pesqueira española) suporía unha carga inicial de traballo de máis de 975.000 horas e salvagardaría a vida duns 9.000 mariñeiros.

Ademais, a empresa ve "incuestionable" a potencialidade desta "oportunidade de negocio" para un sistema que se podería instalar nos máis de 20 millóns de barcos de recreo dos países onde Kafloat ten patentes, ademais dos millóns de embarcacións de pesca. "España sería pioneiro e líder no sector da seguridade marítima e pesqueira en particular", rematan.

Rolda de prensa dos responsables de Kafloat © Kafloat
Funcionamento do Kafloat © Kafloat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.