O Tek-Fest repite cita en Pontevedra unindo tecnoloxía e patrimonio

Presentación da segunda edición do Tek-Fest, este xoves en Pontevedra © Concello de Pontevedra

O pasado ano Pontevedra acolleu a primeira edición do Tek-Fest, encontro internacional de tecnoloxías emerxentes, que naceu con vocación de continuidade e aspirando a consolidarse como unha cita obrigada, un referente e unha ponte entre institucións, empresas e a cidadanía para democratizar os recursos máis avanzados da cultura dixital. Este xoves presentouse a segunda edición do evento, que terá lugar do 25 ao 30 de setembro, centrado nesta ocasión en unir memoria e tecnoloxía para poñer en valor o patrimonio das cidades.

Se na súa primeira edición o lema do festival foi 'A cidade do futuro' este ano o TEK-FEST quere realizar unha viaxe na outra dirección, do futuro ao pasado

A segunda edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que conectará a memoria da cidade cos tecnoloxías emerxentes a través de distintos obradoiros e actividades. O director do festival, Toño Cabanelas, explicou que “se na súa primeira edición o lema do festival foi 'A cidade do futuro' este ano o TEK-FEST quere realizar unha viaxe na outra dirección, do futuro ao pasado, que complete e enriqueza a experiencia do 2016, volvendo a mirada á memoria da cidade para seguir situando a Pontevedra na vangarda tecnolóxica”.  A continuidade virá dada pola presenza da realidade virtual e aumentada, tecnoloxías que xa estiveron presentes na primeira edición do TEK-FEST, e que volverán protagonizar esta edición, nun momento de madurez no que “xa non se primará a tecnoloxía só, senón que os protagonistas serán os contidos”.

O festival este ano terá catro liñas fundamentais de actuación. En primeiro lugar, un obradoiro de VR + Patrimonio impartido por Bermudas Land ofreceralles aos e ás participantes a posibilidade de reconstruír imaxes antigas da cidade pasándoas a un formato inmersivo en 360º. O segundo obradoiro, coordinado por Esdemga (Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda), leva por título “Calor+Memoria” e achegarase á memoria téxtil da cidade a través dos novos procesos de tratamento de superficies. Será impartido por Arantza Vilas, deseñadora e investigadora galega afincada en Londres, onde creou Pinaki Studios, e que destaca pola súa investigación en novas materias téxtiles.

Outro dos pratos fortes deste ano será a Homenaxe aos Tekis do século XX, coa que o TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos

Outro dos pratos fortes deste ano será a Homenaxe aos Tekis do século XX, coa que o TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos. Os protagonistas desta homenaxe serán este ano os irmáns composteláns Portela Seijo, que foron pioneiros na enxeñaría acústica e audiovisual patentando inventos como o magnetófono de cable de aceiro, que quixo comprar Philips en 1942, ou o Organ Sound, o mítico altofalante feito a base de cilindros e inspirado nos tubos do órgano da Catedral de Santiago. Precisamente o Organ Sound será obxecto durante o TEK-FEST dunha reconstrución a cargo do artesán dixital Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz. Por último, a Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección internacional dos mellores contidos en realidade virtual, co foco posto nos contidos experimentais e naqueles relacionados coa moda e co patrimonio.

Todas as actividades do TEK-FEST este ano serán gratuítas, incluídos os obradoiros de VR + Patrimonio e de Memoria téxtil de Pontevedra, que teñen prazas limitadas. Estes obradoiros están dirixidos a estudantes de Belas Artes, Moda e Comunicación Audiovisual, e tamén a profesionais dos ámbitos do deseño, a artesanía, a imaxe e a cultura dixital. Nas próximas semanas faranse públicas as convocatorias para que as persoas interesadas poidan inscribirse nos procesos de selección de participantes.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Imaxe da segunda edición do encontro © Tek-Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.