O xuíz acusa a Adif de "aumentar o risco" de miles de persoas só por "razóns comerciais"

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

O xuíz é claro. O maxistrado Luis Aláez, que instrúe a causa polo accidente do tren Alvia en Angrois o pasado 24 de xullo, emitiu este venres un auto no que critica con dureza a actuación dos responsables de Adif e acusa o administrador de "incrementar o risco para a vida de milleiros de persoas" ao cambiar o sistema de seguridade ERTMS polo ASFA na curva por "motivos comerciais".

O xuíz acusa a Adif de "incrementar o risco para a vida de miles de persoas" ao cambiar o sistema de seguridade por "motivos comerciais"

O xuíz lembra que foron os responsables de Adif os que tomaron a "decisión transcendental" de "modificar o proxecto orixinal" da liña Ourense-Santiago en canto ao ancho de vía, o que "afectou as instalacións de seguridade, "pasando da configuración inicial da explotación" con sistema ERTMS en toda a liña a manter este sistema até "catro quilómetros antes do lugar do accidente", onde pasou a explotarse só con sistema ASFA.

Segundo o maxistrado, esta decisión dos responsables de Adif, de "converter unha indiscutible liña de alta velocidade nunha liña asimilada" considerouse "desde os momentos iniciais da investigación sospeitosa dunha imprudencia punible", xa que "levou un previsible incremento do risco na circulación que non se considera axeitado socialmente".

O maxistrado cre que a única utilidade do cambio foi "o aforro duns minutos de viaxe" a cambio "dun importante aumento do risco de vida para as persoas"

Así, o maxistrado cre que esta modificación "parece supor para a sociedade tan só un beneficio menor", que "non ampara aquel incremento do risco". "Presumiblemente, a única utilidade que obtivo a sociedade con aquela decisión foi o aforro duns minutos de viaxe entre Ourense e Santiago, como contrapartida a un importante aumento de risco para a vida dos centos ou miles de persoas que utilizan a liña cada día", destaca Luis Aláez.

O xuíz é ben claro cando asegura que a liberdade de actuación dos responsables de Adif  "ten como elemento delimitador a seguridade dos usuarios do ferrocarril", e a transformación desta liña sen a adición de "medidas de seguridade" a maiores, é "sospeitosa de criminalidade", apunta.

Aláez carga directamente contra Adif, ao que acusa de realizar esta modificación, e a "rebaixa de seguridade" consecuente, amparándose en "motivos comerciais". Segundo recolle no auto, o "regateo de seguridade" desta decisión produciuse por "motivos comerciais ou produtivos", derivados tanto dunha "insignificante rebaixa dos custos de obra e mantemento" como da redución de "minutos" no traxecto co obxectivo de aumentar o "atractivo comercial" da liña e lograr a "sedución ou captación de usuarios" con "fins lucrativos".

"Trátase dunha situación creada por unha posible decisión non técnica, senón que carácter comercial, que se adoptou polas mesmas persoas que tiñan como deber primordial velar pola seguridade dos usuarios da liña, e a posibilidade de cumprir con el ditando as normas complementarias correctas para mitigar o risco", explica o xuíz.

 

Carga contra os conselleiros de Adif

No mesmo auto, o maxistrado pregúntase sobre as diferenzas da liña antes e despois do cambio de sistema de seguridade. De feito, apunta a que, a pesar de que a zona na que se produciu o accidente conta co sistema ASFA, "este devandito tramo parece presentar parellas características ao anterior, onde si se estimou necesario explotalo co ERTMS".

Do mesmo xeito, carga contra o Consello de Administración de Adif e os seus responsables de seguridade, aos que acusa de "alegar, sen mais, que se tomou unha ou outra decisión porque se confiaba noutras persoas". "Por riba do principio de confianza está o principio de responsabilidade no cargo", destaca Aláez, quen apunta que os conselleiros, "cada un coa súa decisión" de apoiar a modificación, "responsabilizábanse" da mesma e do proxecto que "finalmente saíu adiante". Ademais, tamén critica a aqueles conselleiros que, posteriormente, "consentiron no seu mantemento".

"Non fai falta especial capacitación técnica para coñecer as diferenzas substanciais entre o sistema ERTMS e o ASFA", di o xuíz

"Non fai falta especial capacitación técnica para coñecer as diferenzas substanciais entre o sistema ERTMS e o ASFA", debendo "presumirse loxicamente capacidade para comprendelas en quen asume cargos en materia de seguridade na circulación ferroviaria".

Ademais, no auto, o xuíz cita a declarar como testemuñas na causa ao xefe de Maquinistas que en 2011 remitiu un informe sinalando o perigo da liña, así como a dous dos cargos que recibiron un correo electrónico coa información. O tres deberán comparecer en Santiago o próximo 7 de marzo.

Aláez chama a declarar como testemuñas o maquinista que advertiu do perigo da liña nun informe en 2011

Tamén solicita aos peritos que interveñen na causa que, á marxe do seu informe, adianten un ditame acerca das características da liña, o campo de aplicación da normativa de cambio de velocidade máxima ou a incidencia da desconexión do sistema ERTMS, entre outras cuestións. O maxistrado incorpora á causa un correo electrónico co informe sobre seguridade enviado polo xefe de Maquinistas a un responsable de seguridade, así como o número 56 da revista de Adif Líneas, que analiza o tramo Ourense-Santiago.

Finalmente, o xuíz dá 10 días a Renfe para que achegue ao xulgado copia de todos os partes de incidencia que deron lugar á desconexión do ERTMS o 23 de xuño de 2012, así como as pólizas dos contratos subscritos con entidades aseguradoras.

imaxe do tren accidentado, publicada en twitter minutos despois do sinistro Dominio Público @felipe_adrian17
Sistema ERTMS © http://trenesinside.wordpress.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.