"Os 4.000 dominios .gal poderían ser moitos máis. Pero comezan a verse e iso é importante"

Edita de Lorenzo © Asociación Puntogal

O 25 de xullo de 2014 comezaron a funcionar os primeiros dominios .gal a través de 93 webs pioneiras, entre elas praza.gal. Algo menos de tres anos despois, e menos de dous anos e medio despois do inicio da Fase Aberta (na que calquera persoa pode rexistrar un dominio), o .gal superou xa os catro mil rexistros (4.042 este mesmo xoves), unha cifra que segundo destacan os responsables da Asociación Puntogal, permitirá "a paulatina rebaixa dos custes dos dominios" para facilitar a súa expansión entre os particulares, asociacións, empresas e institucións do país. Ata agora o prezo da adquisición dos dominios .gal era bastante superior ao que pode ter, por exemplo, un .com ou un .es, pois os custes de base son independentes do tamaño de cada dominio, cuns gastos fixos equiparables que deben ser soportados polo conxunto da comunidade.

Deses 4000, ao redor do 70% están activos. A administración autonómica suma ao redor de 700 e os concellos outros 150; os dominios de empresas representan un 30% do total. Como referencia, o dominio vasco (.eus), que naceu ao mesmo tempo que o .gal, conta con 6667 webs. O dominio catalán (.cat), que botou a andar en 2006, suma xa 113 mil referencias. A Asociación Puntogal amósase igualmente satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios sigan sendo moi altas. Falamos con Edita de Lorenzo, directora xeral da entidade, para que valore a traxectoria do dominio galego e os seus retos inmediatos.

"Acabamos de chegar aos catro mil e, sinceramente, poderían ser moitos máis. Pero nos últimos tempos confórtanos moito o feito de que empezan a verse máis, porque unha cousa é que haxa un número determinado de rexistros e outra cousa é que se empreguen"

Tres anos despois dos primeiros dominios, dous anos e medio dende o inicio da Fase Aberta. Superar agora os 4.000 dominios era máis ou menos o esperado?

Imos acomodando os pensamentos e as expectativas á realidade; non sei se pensabamos que iría algo máis rápido ou queríamos que fose máis rápido. Acabamos de chegar aos catro mil e, sinceramente, poderían ser moitos máis. Pero nos últimos tempos confórtanos moito o feito de que comezan a verse cada vez máis, porque unha cousa é que haxa un número determinado de rexistros e outra cousa é que se empreguen e que se visibilicen. Esta maior visibilidade vai ter unha repercusión importante e vai chamar máis a novos rexistros que calquera acción de promoción que poidamos facer nós.

Neste senso, hai dous anos salientabas a importancia que tería o feito de que o dominio se comezasen a usar non só en webs, senón en enderezos de correo electrónico...

Si, a importancia de que sexa algo habitual, de que non nos estrañe. O feito de que as institucións ou as grandes marcas usen o dominio, tanto nas súas webs coma nos mails, o que fai é conferirlle o valor do cotián, evítase esa sensación de rareza. Aínda hoxe atopamos xente que non sabe que o dominio está xa activo, e iso comeza a cambiar. O tema dos mails é moi importante, pero ese será aínda un segundo paso, porque para unha grande empresa ou administración é complexo e custoso facer a muda. A nós gustaríanos que as cousas fosen máis rápido, pero todos os procesos levan un tempo. Van indo.

"Estamos contendo os gastos ao mínimo, cun persoal moi reducido, precisamente para conter os prezos ao máximo. Nós non queremos gañar cartos, pero isto hai que sostelo"

Moitas pequenas empresas e entidades, así coma particulares, optan polo .gal polos seus valores de identificación; para outros a diferenza de prezo cos .es ou .com segue a ser importante. O incremento no número de rexistros permitirá baixar de forma definitiva os prezos?

Chegar aos 4.000 rexistros permítenos baixar os prezos. Seguramente menos do que nos gustaría, pero é un comezo, que nos permitirá chegar a máis xente. Somos unha asociación sen ánimo de lucro. Estamos contendo os gastos ao mínimo, cun persoal moi reducido, precisamente para conter os prezos ao máximo. Nós non queremos gañar cartos, pero isto hai que sostelo. Levabamos un tempo querendo baixar os prezos e fixémolo en abril un 25% [de 50 a 36-38 euros, aproximadamente]. É certo que non todos os rexistradores recolleron este descenso, por iso nós sempre animamos á xente a que compare os prezos en todos eles. 

"As institucións públicas autonómicas suman case 700 dominios, case o 17% do total. Ademais, contamos con ao redor de 150 dominios de concellos"

Tedes datos sobre as características deses 4.000 dominios? Cantos están activos? Cantos son institucionais, cantos de empresas privadas, de entidades sociais ou de particulares?

Un dato que é importante é o dos dominios que non están en funcionamento, que son ao redor do 30% dos rexistros, unha cifra que nos gustaría que fose inferior. Despois, hai un certo número de páxinas -non che podo dar o dato exacto- que si están activas, pero que redireccionan a outro dominio, que é o principal. As institucións públicas autonómicas suman case 700 dominios, case o 17% do total. Ademais, contamos con ao redor de 150 dominios de concellos. Cómpre sinalar que os nomes dos concellos son os únicos que temos aínda reservados. Outro 16 ou 17% corresponde a empresas. Entidades de educación e cultura, onde entran editoriais, produtoras e demais representan un 14%, o que aumentaría a porcentaxe de dominios de empresas. Asociacións, fundacións, colexios profesionais e entidades deste tipo suman outro 8%.

E en canto á súa distribución territorial?

En canto á distribución territorial temos datos, pero que están en parte desvirtuados por algúns factores. O primeiro, que todos os dominios da administración autonómica están asignados a Santiago, e polo tanto á provincia da Coruña. E o mesmo pasa con Dinahosting, radicada en Compostela, que xestiona unha parte importante dos rexistros; se a persoa que o contratou esixiu privacidade para o seu whois, o rexistro aparecerá ligado tamén á Coruña. Cando tiñamos case 3.000 dominios, algo máis de 1.900 estaban na Coruña, 193 en Lugo, 258 en Ourense e 554 en Pontevedra.

"Para crecer entre os particulares e pequenas entidades, creo que o tema do prezo é importante. E por iso consideramos tan importantes as promocións e buscamos abaratarllo o máximo posible se eles se comprometen a usalo"

Esta radiografía obriga a que agora os esforzos de crecemento se centren nas empresas privadas e nos particulares, entendendo que a parte institucional está xa cuberta?

Para crecer entre os particulares e pequenas entidades, creo que o tema do prezo é importante. E por iso consideramos tan importantes as promocións e buscamos abaratarllo o máximo posible se eles se comprometen a usalo. En canto ás empresas, sobre todo ás grandes, vemos que algunhas comezan a usar o .gal, pero unha grande parte aínda non. Parece que non se decatan dos beneficios que teñen para elas amosarse na rede como galegas. Vemos como moitas empresas de fóra si que adoptan de forma natural o puntogal para operar en Galicia, porque senten que é un plus para elas. E, en cambio, moitas compañías galegas isto non o ven.

Non son conscientes do valor de proximidade que achega e da importancia da identificación nun espazo tan grande como é a rede...

Si, ademais redúceche o número de búsquedas e facilita que que aflore a túa marca ou o teu nome. Aínda hai palabras xenéricas ou case xenéricas que aínda están sen coller, polo que ti como empresa podes usar unha marca que te identifica claramente. Por exemplo, esta mesma semana colleron o dominio marisco.gal, que ten moitas posibilidades.

"Aínda hai palabras xenéricas sen coller, polo que como empresa podes usar unha marca que te identifica claramente. Por exemplo, esta mesma semana colleron o dominio marisco.gal, que ten moitas posibilidades"

Recentemente vides de presentar tamén o servizo de intercambio de arquivos velaqui.gal, que forma parte dese obxectivo de "desenvolver novos servizos de valor engadido para os usuarios da internet galega" que está na base de puntogal. Tedes outros proxectos en marcha?

Estamos traballando noutros proxectos. E un deles, tamén proposto por Dinahosting, darase a coñecer nunhas poucas semanas. Proxectos como Velaquí recollen ese espírito que temos de xerar servizos útiles para os usuarios galegos da rede. E, ademais, dános visibilidade. Ese é o obxectivo, pero imos aos poucos, porque temos os medios que temos.

 

Edita de Lorenzo © Asociación Puntogal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.