Os acreditados a Cátedra da USC critican os criterios propostos pola universidade

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

O colectivo de acreditados e acreditadas a Cátedra da USC, composto por 150 profesores e profesoras, criticou este venres a proposta do equipo reitoral para seleccionar as prazas de cátedra da USC, afirmando que contén "criterios anti-académicos". Sinalan que "entre os criterios está o de contar con máis de 63 anos, ter sido nomeado para cargos académicos ou primar ás áreas con maior número de profesores permanentes (funcionarios e contratados doutores)" e que "ningún deses criterios ten nada que ver cos principios de mérito e capacidade que deben rexer o emprego público nin coa promoción persoal que supón o acceso a cátedra". 

Este grupo de acreditados e acreditadas defende que se deben usar "criterios obxectivos que non reforcen prácticas clientelares, nin vaian en contra dos usos académicos". Sinalan que "a data de acreditación outorgada pola ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación) permite ordear cun criterio obxectivo -a valoración positiva ponderada por expertos de cada área da totalidade do curriculum dos candidatos- a creación de prazas".

Afirman que a proposta do Reitorado "penaliza o profesorado acreditado máis novo impedíndolle solicitar prazas, ás áreas con máis profesorado precario, ignora os méritos ligados a producción científica (publicacións, premios) ou a docencia, e a propia consecución dos méritos con máis antelación que é o que indicaría a data de acreditación". Engaden que "tampouco se explica porque queren burocratizar o sistema facendo unha reavaliación opaca de méritos unilateral polo vicerreitor contraria á transparencia". E conclúen que a proposta está moi "afastada" do que "entendemos por unha universidade excelente" e fan un chamamento aos sindicatos e aos membros do Consello de Goberno da USC a que "impidan a súa aprobación".

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.