Os investigadores volverán mobilizarse esta semana por un maior esforzo en I+D+i

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

As entidades agrupadas no Colectivo Carta por la Ciencia convocan concentracións este xoves en toda España, coincidindo co inicio dos debates sobre os orzamentos xerais do Estado. Consideran "insuficiente" o lixeiro incremento das partidas destinadas a investigación e critican que se manteña o límite do 10% á taxa de reposición de persoal.

Consideran "insuficiente" o lixeiro incremento das partidas destinadas a investigación e critican que se manteña o límite do 10% á taxa de reposición de persoal

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentado polo goberno o pasado 30 de setembro propón un aumento global de 70 millóns de euros para I+D civil, que se concretan nunha suba de 128 millóns de euros en subvencións e unha diminución de 58 millóns nos capítulos de préstamos. O texto feito público por Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI), Plataforma Investigación Digna (PID), FEI, CCOO e UGT, recoñece "o esforzo que supón o aumento de 50 millóns de transferencias ao CSIC e o incremento de 60 millóns nas partidas para o pago das cotas ao CERN e outros organismos internacionais". Pero destaca que "non se pode esquecer que a mediados de 2013 o goberno tivo que aprobar unha partida orzamentaria extra de 104 millóns para poder facer fronte ás perentorias necesidades do sector (situación de quebra técnica do CSIC, imposibilidade de lanzar as convocatorias do Plan Estatal de Investigación, etc.)".

Conclúen que "de non corrixirse de modo substantivo no trámite parlamentario, o escenario orzamentario exposto situará á I+D española nunha situación económica mesmo peor que en 2013, cunha escaseza de recursos que nos remonta case unha década atrás"

Engade, a este respecto, que "previsiblemente aínda será necesaria unha segunda partida extra nas próximas semanas" e que, mentres, un número crecente de organismos únense á crise de supervivencia: Universidades, CNIO, ESS-Bilbao,...". Conclúen que "de non corrixirse de modo substantivo no trámite parlamentario, o escenario orzamentario exposto situará á I+D española nunha situación económica mesmo peor que en 2013, cunha escaseza de recursos que nos remonta case unha década atrás" e que "desafortunadamente, estes orzamentos non recollen ningún dos puntos sinalados pola colectivo Carta pola Ciencia como mínimos imprescindibles para evitar o colapso do sistema".

Haberá concentracións silenciosas de 5 minutos ás 12 do mediodía nas portas de todos os centros de traballo, vestindo de negro ou portando brazaletes negros como sinal de loito

Por esta razón, o vindeiro xoves 17 de outubro, aniversario da morte de Santiago Ramón y Cajal, propoñen a celebración dunha xornada de loito pola Ciencia en España. Haberá concentracións silenciosas de 5 minutos ás 12 do mediodía nas portas de todos os centros de traballo, vestindo de negro ou portando brazaletes negros como sinal de loito. Ás seis da tarde, no Auditorio Ramón y Cajal da Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid, haberá un acto conxunto de membros de todo o espectro da comunidade investigadora.

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.