Os modelos de negocio en código aberto, a debate en Compostela

Cartaz da xornada Dominio Público Agasol

O vindeiro día 12 de xuño terá lugar en Compostela a xornada (r)evoLuƧión, evento que pretende ser un punto de encontro de experiencias inspiradoras para profesionais do eido tecnolóxico e para todas aquelas persoas interesadas en tecnoloxías de código aberto en calquera sector da sociedade. Está organizado por AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) en colaboración con AMTEGA e contará coa participación de expertos como Juan Freire ou Javier de la Cueva, así coma representantes de empresas galegas e estatais con presenza internacional como Paco y Lola, OpenROV, ICARTO, Anubia ou IGALIA.

Contará coa participación de expertos como Juan Freire ou Javier de la Cueva, así coma representantes de empresas galegas e estatais con presenza internacional como Paco y Lola, OpenROV, ICARTO, Anubia ou IGALIA

O encontro, que se celebrará na Cidade da Cultura, quere servir de escaparate de experiencias, novidades e solucións en código aberto; ser un espazo de networking e contactos entre profesionais de diferentes disciplinas; e inspirar a aquelas persoas que queiran descubrir novas formas de emprender e/ou desenvolver novos produtos/servizos de base código aberto. A asistencia é de balde, previa inscrición.

Juan Freire, profesor da UDC (na que foi decano da Facultade de Ciencias) é un dos consultores máis solicitados a nivel mundial para ofrecer asesoramento sobre estratexia e xestión da innovación en organizacións, xestión ambiental, urbana e territorial e cultura dixital. O 12 de xuño será o encargado de pechar o evento, falando sobre Colaboración para o futuro. O avogado Javier de la Cueva está especializado en temas relacionados coa tecnoloxía e Internet, materias nas que é unha das voces máis respectadas en España; o seu relatorio leva por título Negocio con datos: Onde están os límites. Ademais, José Manrique (Federación Nacional de Empresas de Softwae Libre, Asolif) explicará Por que o open source é estratéxico para os negocios.

O encontro quere servir de escaparate de experiencias, novidades e solucións en código aberto; ser un espazo de networking e contactos entre profesionais; e inspirar a aquelas persoas que queiran descubrir novas formas de emprender

De igual xeito, Jorge Carrión presentará o caso de Bodegas Paco y Lola e o uso que esta empresa fai das tecnoloxías libres. Francisco Javier Sánchez exporá o caso de Openrov, unha empresa impulsada dende California por un grupo de españois que desenvolve un robot subacuático económico e de código aberto para exploración e educación, e que tamén se constitúe como unha comunidade de exploradores oceánicos profesionais e amateur e de apaixonados pola tecnoloxía.

Xavier Castaño presentará o Modelo Igalia, relatando a experiencia desta consultora galega, con 14 anos de experiencia, asesorando en materias de software libre e modelos de código aberto. Antón Amado afondará en Software Libre Galego polo Mundo no traballo que realiza outra empresa galega, Icarto, unha iniciativa empresarial impulsada por membros do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Universidade da Coruña, e que tamén leva a cabo proxectos en todo o planeta. Finalmente, Wilfredo Santana, de Anubia, falará sobre Partners tecnolóxicos, unha solución para o desenvolvemento de negocios.

Cartaz da xornada Dominio Público Agasol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.