Os Nóbel Ei-ichi Negishi e Tim Hunt ofrecerán senllas conferencias en Compostela

Cartaz do Programa ConCiencia © USC

O xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi e o británico Tim Hunt, ambos os dous recoñecidos co Premio Nobel na pasada década, estarán en Compostela os próximos meses convidados polo Programa ConCiencia de Divulgación científica que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade. Ambos os dous científicos manterán reunións científicas na USC con persoal investigador, encontros con medios de comunicación e pronunciarán unha conferencia pública de interese para o público xeral.

O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional. Como novidade, ConCiencia traslada estas conferencias á Cidade da Cultura.

Ambos os dous científicos manterán reunións científicas na USC con persoal investigador

Ei-ichi Negishi, da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a  agricultura á medicina. A súa conferencia pública, titulada ‘Catálise para un mundo próspero e sostible’, será o xoves 26 de abril ás 20.00 horas. O padriño de Negishi nesta visita será o profesor Ricardo Riguera.

O profesor Tim Hunt, que visitará a USC a comezos de maio apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal, compartiu o Nobel de Medicina en 2001 co estadounidense Leland Hartwell e co tamén británico Paul Nurse polos seus descubrimentos nos reguladores chave do ciclo celular. Hunt, que desempeña a súa carreira profesional no Imperial Cancer Research Fund (Reino Unido), ofrecerá a súa conferencia pública o mércores 9 ás 20.00 horas.

 

Tim Hunt Dominio Público Praza Pública
Ei-ichi Negishi Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.