Os premios Eganet entregáronse na gran noite das TIC galegas

Os premios EGANET Dominio Público Eganet

Este venres, por vez primeira, celebráronse conxuntamente o LaconNetwork e a entrega dos Premios Eganet, os galardóns da asociación de empresas galegas que desenvolven software ou servizos tecnóloxicos. O Palacio de Congresos de Compostela reuniu máis de 300 persoas, representando boa parte das empresas TIC de Galicia. Respondendo con creces ao obxectivo de visibilidade buscado coa unión dos dous eventos: "Sempre falamos de que para que creza unha grande árbore, éste necesita un bosque que o acubille. Xa cremos que “as árbores”, comezan a ser “bosque” … e queremos que se vexa".

Os premios Eganet contaron con cinco categorías: Premio Proxecto Colaborativo Empresarial TIC, Premio Emprendedor TIC, Premio Aplicación Software, Premio Comunicación Dixital e Premio Negocio Online. A estas uniuse un Premio Especial, que recaeu a título póstumo en Víctor Gulías, profesor da Universidade da Coruña e director do CITIC, que contribuíu á posta en valor do I+D galego no ámbito da informática.

Petrilla Tech, Nasas Social & Media, Construdata21 Internacional, OnTouch Nova Tecnoloxía Publicitaria ou A Navalla Suiza foron os gañadores

O galardón á mellor Aplicación Software recaeu en OnTouch DS, unha solución de OnTouch Nova Tecnoloxía Publicitaria, que emprega o recoñecemento de imaxes para personalizar os contidos que aparecen en paneis publicitarios. O premio ao mellor negocio en liña correspondeu a Construdata21 Internacional. E o recoñecemento na categoría de Comunicación Dixital foi para a campaña promocional de ARTEC primavera2012 de Nasas Social & MediaMentres o proxecto Emprendedor TIC máis destacado foi o ePocketGuide de Petrilla Tech. E en canto ao Proxecto Colaborativo Empresarial TIC, o premio foi para Probeta de A Navalla Suíza, Cen Litros Metro Cadrado e Ekinocio.

Os pratos fortes do LaconNetwork chegaron coas intervencións de Javier de Andrés Marín, fundador e director xeral de Ticketea, e de Johann Huber, de TechReactor

Pola súa banda, o LaconNetwork permitiu asistir a palestras e debates nos que se amosaron fórmulas de apoio ao emprendedor da man de Antonio del Corral, presidente de Vindeira Capital Network; Juan Diego Pereiro, xestor de WeKCo; Juan Carlos Bugallo, director xerente da Fundación Universidade da Coruña; Manuel García, director de Zarpamos; e Carlota Sánchez Puga, directora de desenvolvemento económico e fomento do emprego de Novacaixagalicia. Houbo tamén presentación de iniciativas de Coworking e de aceleradoras nacidas en Galicia. E o evento contou coa participacion do gañador do premio Emprendedor XXI Galicia de 2012, Roi Correa. Os pratos fortes da xornada chegaron coas intervencións de Javier de Andrés Marín, fundador e director xeral de Ticketea, e de Johann Huber, de TechReactor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.