Os premios #INLUGO ao bo uso das novas tecnoloxías xa teñen gañadores

Premios #INLUGO © Deputación de Lugo

O congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO celebrarase este venres e sábado no lucense Pazo San Marcos, organizado pola Deputación Provincial. O evento busca "reflexionar sobre os cambios de hábitos, mentalidade, formas de comunicación e estilos de vida, que despois de corenta anos de existencia, produce a rede en diferentes sectores da nosa sociedade". No congreso tamén se entregarán os premios #INLUGO que buscan recoñecer "as iniciativas, persoas ou organizacións que destacan no bo emprego de Internet e as novas tecnoloxías". O xurado vén de anunciar os seis gañadores e gañadoras entre os máis de 40 iniciativas presentadas. 

  • Adega Vía Romana de Chantada, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración, pola aplicación das TIC para impulsar a súa actividade vitivinícola: organización e efectividade de accións de marketing en internet, presenza en redes sociais, implantación de códigos QR e dinamización do turismo enolóxico da Ribeira Sacra.
  • O espazo educativo El Faro de los Tres Mundos, no apartado de Educación e Formación, debido a innovación en contidos educativos para incrementar a denominada intelixencia cultural de nenos e mozos. Trátase dunha iniciativa única en España e parte da necesidade de mellorar o coñecemento e formación dos escolares a través da cultura asiática.
  • Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, en Deporte e Saúde, pola súa innovadora web que constitúe unha fonte de información sobre saúde fiable, profesional, dinámica e intuitiva, e que busca cubrir as necesidades e inquietudes que poidan ter os pacientes de toda a provincia.
  • O tuitero Lucense Enfurecido -@LucenseEnfurec- con máis de 4.500 seguidores, na categoría de Cultura e Sociedade, "por contar practicamente en directo todo o que ocorre en Lugo, sen perder ningunha nova".
  • Empresa Intelixencia Visual, en Tecnoloxía, por ser unha das promotoras do proxecto Una cebra en el agua, que se desenvolve dende o pasado ano en 20 centros educativos galegos e ten como obxectivo espertar novas vocacións científicas nos estudantes de secundaria.

 

Dúas xornadas de Congreso

No congreso #INLUGO están inscritas máis de 320 persoas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará as xornadas este venres ás 16:30 horas e xa nesta xornada de tarde haberá unha mesa redonda sobre Periodismo en Internet, na que intervirán Nacho de la Fuente, Pilar Portero e Xabier Sanmartín Cuevas. A seguir Sebastián Muriel, director de Desarrollo Corporativo de Tuenti, ofrecerá a conferencia Tuenti, la red social que revolucionó España. E tamén falará o experto Mario Tascón, cunha palestra titulada El futuro ya está aquí. O venres rematará cunha nova mesa redonda sobre Turismo e Internet, coa participación de coñecidos blogueiros de viaxes e profesionais do sector.

O sábado comezará coa Presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede e co ADN lucense e unha mesa redonda sobre Marca y estrategia en Internet coa participación de coñecidos profesionais do sector dixital e o marketing online. Francisco Polo, de change.org, falarán sobre Disrupción positiva.

Xa pola tarde, antes da entrega dos premios #INLUGO, os asistentes poderán escoitar 10 ponencias de 15 minutos cada unha ofrecidas por Juan García, formador TIC e empresario, Óscar Reboiras, community manager de R, Javier Pedreira, cofundador de Microsiervos, Jacobo Lázare, de Disco Azul, Alfonso Alcántara, experto en coaching e emprego 2.0, Pablo Herreros, periodista, comunicador e profesional Social Media, Clara Grima, profesora titular de Matemática Aplicada da Universidad de Sevilla, Victoriano Izquierdo, fotógrafo, Rixar García e Víctor Grande, cómico 2.0.

Premios #INLUGO © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.