Os químicos galegos reclaman unha Lei de Servizos Profesionais que evite o intrusismo

Antonio Macho Dominio Público Praza Pública

Antonio Macho Senra foi reelixido decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia para os vindeiros catro anos. O tamén vicedecano primeiro do Consello Xeral de Colexios de Químicos de España proponse traballar xunto ao seu equipo para conseguir "dignificar a profesión de químico", ao seu xuízo, "tan deostada tras os múltiples sucesos acaecidos nos últimos tempos". Antonio Macho fai referencia a cambios lexislativos recentes e a outros previstos, como a futura Lei de Servizos Profesionais que prepara o Goberno central e que, na súa opinión, "danará a libre competencia entre profesionais" e "limitará as garantías dos cidadáns".

O Colexio Oficial de Químicos cre que a Lei de Servizos Profesionais "danará a libre competencia entre profesionais" e "limitará as garantías dos cidadáns"

"Queremos facernos presentes na sociedade galega", asegura Antonio Macho, que presidirá o Colexio Oficial de Químicos de Galicia até 2017, tras apuntar que durante o seu novo mandato "tentará comunicar que a química e os seus profesionais agrupados no Colexio tratan de axudar a resolver os problemas que afronta a sociedade".

Na súa opinión, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia "achega garantías a galegos fronte ao intrusismo e malas prácticas". E, ao mesmo tempo, certifica que "os profesionais agrupados no ente colexial posúen os coñecementos e preparación que os habilita para o exercicio da profesión dentro do máis estrito respecto á normativa legal". Ademais, reivindica unha Lei de Servizos Profesionais, normativa que ultima o Goberno central e que aprobará a curto prazo o Congreso dos Deputados, "que defenda a sociedade de prácticas profesionais pouco rigorosas".

Antonio Macho Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.