Os reitores piden á Xunta que aclare os recortes nas universidades

Os reitores, co conselleiro de Educación © Xunta

Os reitores das tres universidades galegas, Xosé Luís Armesto (UdC), Salustiano Mato (UVigo) e Juan Casares (USC) veñen de emitir un comunicado conxunto logo de reunírense este martes co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, "para aclarar aspectos relativos ao proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia de 2013 no eido do ensino superior"

Os reitores solicitaron "aclaracións" sobre a redución da masa salarial nas universidades

Segundo aclaran os reitores, a xuntanza "tiña por obxecto explicar e solicitar aclaracións" sobre varios asuntos que preocupan ás tres  universidades ante os axustes e recortes que se lles veñen enriba. Así, Armesto, Mato e Casares pediron explicacións "sobre a redución da masa salarial" e, ademais, solicitaron "ter plena seguridade xurídica no que respecta a esta minorización e a metodoloxía de aplicación, que será igual para as tres universidades". Varias das universidades xa amosaran os seus temores a que o Goberno galego recortase un 5% o soldo do persoal universitario.

"Quedan por aclarar as posibles diferenzas de criterio das universidades, por unha banda, e da Xunta de Galicia, por outra, en canto ás previsións de ingresos"

Ademais, e segundo aclara o comunicado, tamén se tratou a temida redución do financiamento das universidades "que o goberno autonómico asocia ao incremento das taxas en segunda e seguintes matrículas". "Queda por aclarar a situación derivada da aplicación da lexislación neste eido e as posibles diferenzas de criterio das universidades, por unha banda, e da Xunta de Galicia, por outra, en canto ás previsións de ingresos, para a procura de solucións ás mesmas", aclaran nun documento que evita críticas duras, pero si aclara as enormes dúbidas de todos os reitores galegos.

Os principais dirixentes das tres universidades galegos destacaron que a reunión "transcorreu, como outras anteriores, co afán de colaboración das dúas partes ante o novo axuste a que obriga a crise", así como "co ánimo de manter os compromisos coas persoas que conforman as comunidades universitarias de Galicia e o principio de acceso universal á Universidade".

Os reitores, nunha xuntanza con Jesús Vázquez o pasado ano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.