Os robots pasean por Vigo nas Xornadas de Automatización Industrial, que viran virtuais pola pandemia

O robot Spot mini de Boston Dynamics de Alisys, na Universidade de Vigo © JAI

A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo acolle do 26 e 30 de outubro as Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), un evento que nesta edición converte todas as súas sesións en virtuais, por mor da pandemia. Os seus organizadores barallaron a súa suspensión, pero finalmente decidiron converter en "oportunidade" o que que semellaba unha "ameaza", segundo destacou José Ignacio Armesto, director das xornadas.

Os organizadores barallaron a suspensión das xornadas, pero finalmente decidiron converter en "oportunidade" o que que semellaba unha "ameaza", virando o evento en virtual

En total, participarán nas JAI máis de 30 empresas (un número maior que o rexistrado en 2018) e uns 75 poñentes. Farano de forma telemática, a través do Remote Congress de Teltek. A primeira edición dixital das xornadas introduce como unha das súas novidades a celebración de varias mesas redondas na que destacados relatores e relatoras abordarán cuestións relacionadas coa automatización, a ciberseguridade ou a dixitalización no sector alimentario. 

As JAI foron presentadas este mércores na Universidade de Vigo, onde fixo unha demostración das súas habilidades Spot, un dos robots cuadrúpedes máis avanzados do mundo, capaz de avanzar en terreos accidentados, baixar e subir escaleiras e evitar obstáculos. 

Na presentación das xornadas, Spot -un dos robots cuadrúpedes máis avanzados do mundo- fixo unha demostración das súas habilidade, capaz de avanzar en terreos accidentados, baixar e subir escaleiras e evitar obstáculos

José Ignacio Armesto, director das xornadas, explicou o proceso de conversión das JAI nun evento dixital, “que aínda que perde frescura, no que a interacción entre as persoas se refire, gaña en que temos máis contidos e non quedamos restrinxidos a un espazo concreto como foi a cidade de Vigo en edicións anteriores”.

Pola súa banda, o director xeral de Alisys, que acompañou a súa presentación con demostracións das capacidades de varios robots de servizo e socias da compañía, incidiu na importancia da relación entre a universidade e a empresa “nesta 4ª revolución industrial na que nos atopamos, movida pola intelixencia artificial, o big data e o internet das cousas”.

As empresas participantes disporán de postos dixitais. Neses stands as empresas terán interaccións dixitais, enlaces a vídeos, o programa de actividades e tamén poderán celebrar seminarios web en paralelo

As I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.

As empresas participantes disporán de postos dixitais. Neses stands as empresas terán interaccións dixitais, enlaces a vídeos, o programa de actividades e tamén poderán celebrar seminarios web en paralelo, en horarios diferentes ás conferencias plenarias.

Juan Pardo, director da EEI; Eduardo Gómez de Tostón, director xeral de Alisys; Manuel Reigosa, reitor da UVigo e José Ignacio Armesto, director das JAI con robots Spot de Alisys © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.