Para cando un twitter en galego? Depende de ti

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública

Hai algo máis dun ano Twitter comezou a traballar nas versións da súa páxina noutros idiomas distintos do inglés. Escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución á lingua que queiran. Porén, isto non é tan automático; digamos que Twitter ten que darlles acceso ás linguas aspirantes, en función do seu número de usuarios entre outros factores, ao servizo de tradución para que aí si, os tuiteiros completen o proceso.

Na actualidade Twitter está dispoñible en 33 linguas, despois de que hai unhas semanas se incorporasen seis máis, entre elas o catalán e o euskera (ademais de afrikaans, checo, grego e ucraíno). Para o catalán, a pesar da súa forza desmostrada en moitos eidos, non foi un proceso doado. Naceu dende abaixo, pola presión dos propios usuarios, nomeadamente do xornalista Albert Cuesta, que hai algo máis dun ano comezou a reclamar que o servizo estivese en catalán; entre outras cousas levou a cabo unha recollida de sinaturas, até 7.300, e outras accións máis virtuais, coma a chamada a elevar un determinado hashtag reivindicativo a TT. Finalmente, en maio o catalán foi aceptado no servizo de traducións de Twitter e un mes despois o proceso estaba concluído. Hoxe, xa se pode usar twitter en catalán. A propia empresa destaca que "co apoio dos tradutores estamos cada vez máis cerca de facer Twitter accesible a máis cidadáns de todo o mundo"

O obxectivo é acadar un apoio semellante ao que conseguiu a iniciativa catalá, para así presionar á empresa para que admita o galego como lingua para o seu servizo de traducións

No caso galego vén de poñerse en marcha unha iniciativa de recollida de sinaturas en change.org, para pedir Twitter en galego, xa. Comezou este martes e achégase xa ao milleiro de apoios. O obxectivo é acadar un apoio semellante ao que conseguiu a iniciativa catalá, para así presionar á empresa para que admita o galego como lingua para o seu servizo de traducións: "se logramos supera-las 7.300 firmas acadadas a prol dun Twitter en catalán, esta empresa non poderá dicir que non a un Twitter en galego". Unha vez conseguido iso, o resto do traballo dependería dos propios usuarios e se cadra estaría rematado en breve.

A campaña por un twitter en galego, con todo, vén de máis atrás. Máis ou menos cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademáis de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema".

A campaña por un twitter en galego, con todo, vén de máis atrás

Nestes meses, conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións: o proxecto creado en GalegoLab reuniu moi rapidamente as 130 horas de traballo voluntario que se calcula que serían necesarias. A conta da iniciativa conta con case doce mil seguidores e seguidoras, e os seus impulsores salientan que "Twitter en galego son todas aquelas persoas que reivindican unha rede social en galego, traballan día a día, aportando ideas e melloras e axudan a difusión da súa mensaxe na mesma lingua. Porque cada “tuit” que sexa en galego, contribúe un chisco máis, a crear unha normalización do galego nas redes sociais". 

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública
Twitter en catalán © Vilaweb

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.