'Para estudar, Lugo' (e co 50% de desconto)

Presentación da campaña 'Para estudar, Lugo' © Deputación de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, xunto co vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, presentaron este mércores a campaña Para estudar, Lugo, que promociona a cidade universitaria e ofrece descontos do 50% no custo da matrícula a primeiros estudantes de dez titulacións do campus lugués.

"Poñemos en marcha a terceira edición desta campaña dentro do plan de impulso do Campus de Lugo, que temos en marcha Deputación e USC. Facémolo, tendo en conta os seus bos resultados. Dende 2013 conseguimos incrementar en dez puntos a taxa de ocupación da totalidade de prazas que ofrece a USC en Lugo e aumentamos nun 18% o número de estudantes nestas dez titulacións, nas que volvemos a asumir a metade dos custos da matrícula de primeiros estudantes, con 120.000 euros da Deputación”, explicou Campos. 

Dende 2013 incrementouse en dez puntos a taxa de ocupación da totalidade de prazas que ofrece a USC en Lugo

Segundo explicou, ao inicio do curso 2013-2014, a taxa de ocupación de prazas no Campus de Lugo era do 62,9%. Logo das campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, durante os cursos 2014-2015 e 2015-2016, esta sitúase hoxe no 71,7%. En canto ás dez titulacións con descontos, hai dous anos o número de estudantes era de 258 e agora a cifra ascendeu aos 304, un incremento do 18%.

"Grazas a esta campaña, conseguimos cambiar o modelo de tendencia no número de matriculacións do Campus lugués, que se viu aumentado de xeito notable", sinalou Javier Bueno, que reparou no feito de que durante estes dous últimos anos aumentase a captación xeral de alumnos, "sendo en 2013 inferior a 1.000 e superando, nestes dous últimos anos, 1.200 alumnos novos”.

A campaña 'Para estudar, Lugo ofrece descontos do 50% no custo da matrícula a primeiros estudantes de dez titulacións do campus lugués

A través da campaña Para estudar, Lugo, a Deputación ofrece descontos do 50% no custo da matrícula a primeiros estudandes das seguintes titulacións do Campus de Lugo: Graos en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, Administración e Dirección de Empresas.

A campaña promociona Lugo como cidade universitaria e pon en valor a oferta académica do campus lugués, que ofrece 15 titulacións, que se agrupan en oito centros, e se distribúen en catro áreas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídica, e Enxeñería e Arquitectura. Tamén destaca os postgraos, que contribúen a definir as expectativas profesionais dos estudantes de cara a súa inserción laboral.

“Xunto á oferta académica, hai outras 3tres razóns para estudar e vivir en Lugo: a calidade de vida, onde a gastronómica, as celebracións..., E, principalmente, as persoas, fan de Lugo un lugar único. O patrimonio histórico e natural, que converten á nosa provincia unha xoia con moito que descubrir. E os prezos, pois Lugo é unha das cidades de España máis baratas e cómodas para vivir e estudar”, apuntou Darío Campos. 

A campaña, ademais de nas redes sociais da Deputación e da USC, abriun unha canle de Telegram na que se ofrecerá toda a información relevante sobre as novidades do Campus Terra.

Presentación da campaña 'Para estudar, Lugo' © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.