Patrimoniogalego.net, un catálogo de bens culturais que bate récords

Castelo de Mesía, un dos bens catalogados na web © Patrimoniogalego.net

A igrexa mosteiral de San Salvador de Vilaza, no concello de Monterrei, é a ficha número 3.000 de Patrimoniogalego.net, o catálogo social de bens culturais do país que bate récords dous anos despois de iniciar a súa andaina en internet. Co obxectivo de ofrecer un "mellor coñecemento colectivo do inmenso patrimonio cultural de Galicia", Patrimoniogalego.net medra "grazas ao esforzo dun cada vez máis nutrido grupo" de persoas colaboradoras, sinalan os seus impulsores.

O autor da ficha número 3.000 é Xabier Moure, un dos últimos en incorporarse á web pero tamén "un dos máis activos nos últimos meses, con máis de trescentas fichas no seu haber", destacan. "Outros catalogadores tamén superan o cento de bens inventariados", subliñan. Els son Elixio Vieites, Xosé Troiano e Gavilanes67, Óscar Franco, Xandlinathry, Xokas ou Manuel Rial. Estes usuarios, salientan, son a mostra de que, "ao contrario do que ocorre cos inventarios oficiais", Patrimoniogalego.net "permítelle á cidadanía poder involucrarse activamente a través dunha participación directa" e así "unha rede cada vez mís extensa vai abranguendo maiores áreas do noso territorio conforme avanza o proxecto.

Esta extensión xeográfica é un dos factores de maior importancia para Patrimoniogalego.net, xa que existe unha "inxente cantidade de bens patrimoniais por toda a xeografía galega" que, na súa "gran maioría", están "aínda pendentes de se catalogaren". "A participación cidadá é, de feito, o motor de Patrimoniogalego.net", apuntan, toda vez que xa "contabiliza máis de 180.000 visitas por páxinas e un número de usuarios que día a día vai a máis". Quen se achegue á web e se rexistre como persoa colaboradora ten á súa disposición "impresos que facilitan o labor de catalogación", con campos como o nome do ben patrimonial, "a súa tipoloxía, ubicación, datación, descrición, propiedade, estado de conservación e demais aspectos que poidan resultar de interese, como é o caso da tradición oral asociada". Despois, o resto da comunidade pode ampliar a información.

A ficha número 3.000 da web é a da igrexa de San Salvador de Vilaza, no concello de Monterrei

A base técnica de Patrimoniogalego.net é o popular sistema WordPress e por tras do proxecto está un grupo de profesionais de distintas áreas. O seu coordinador é o profesor da USC Manuel Gago, encargado tamén do mantemento da web xunto a Eladio Rial. A plantel de produción intégrano Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza e o de edición, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Xosé Gago e Elixio Vieites. O avogado Bernardo Dios colabora nas "cuestións xurídicas" e a comunicación é a parcela dos xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde.

Castelo de Mesía, un dos bens catalogados na web © Patrimoniogalego.net
Mapa dos bens catalogados © Patrimoniogalego.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.