Piden que Apple incorpore o galego como opción de idioma

iPhone © Praza Pública

Este martes a empresa da mazá será noticia en todo o mundo. A partir das sete da tarde, hora española, o conselleiro-delegado de Apple, Tim Cook, desvelará dende California as novidades da compañía, nun evento destinado a ter impacto todo o planeta, e de feito horas despois realizaranse novas presentacións en Tokio, Berlín e Beijing. Dáse por seguro que Apple porá en marcha o seu novo sistema operativo (iOS7), un servizo de radio a través de itunes e os novos iPhones, entre eles o iPhone 5C, de custe máis reducido. É este produto, precisamente, o que se pretende que sexa a súa entrada no mercado chinés, ao que até agora Apple apenas mirara.

Aproveitando o protagonismo de Apple neste 10 de setembro, vén de lanzarse unha petición online para lembrar que os seus sistemas operativos aínda non  inclúen o galego como opción de idioma. A solicitude, via change.org, está dirixida a Tim Cook, a quen lle demanda que "Apple incorpore aos seus sistemas operativos, tanto OS X Mavericks e seguintes como iOS7 e seguintes, unha opción de configuración lingüística en galego para facilitar a súa utilización á comunidade lingüística que utiliza a diario esta lingua". A petición destaca que "Apple sempre se mostrou moi respectuosa coa adaptación dos seus sistemas operativos ás linguas de uso de todo o mundo e estamos seguros de que atenderá tamén a nosa petición, imprescindible para normalizar a lingua galega na tecnoloxía tal e como xa fixeron outras empresas tecnolóxicas".

O sistema operativo X Mountain Lion conta dende o pasado ano coa opción do catalán, despois de que a Generalitat realizase esta solicitude durante varios anos

iPhone © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.