Presentan na USC a resolución dun dos problemas matemáticos máis importantes do milenio

Carl C. Cowen e Eva Gallardo © USC

Os profesores Carl C. Cowen, da Universidade West Lafayette (Estados Unidos), e Eva Gallardo, da Complutense de Madrid, anunciaron no congreso bianual da Real Sociedade Matemática Española (RSME) que se celebra na Universidade de Santiago de Compostela a resolución do problema dos subespazos invariantes en espazos de Hilbert, un dos problemas abertos de maior notoriedade científica internacional.

Formulado nos anos 30 por John von Neumann -o gran matemático húngaro–americano  participante no Proxecto Manhattan e autor, entre outras, da coñecida Teoría dos Xogos-, moitos matemáticos consideran que debería formar parte da lista dos sete problemas do milenio elaborada polo Instituto Clay de Matemáticas de Cambridge.

Logo de tres intensos anos de traballo, Cowen e Gallardo resolveron que o enunciado formulado hai case un século era certo, isto é, que todo operador nun espazo de Hilbert posúe un subespazo invariante non trivial. Para a súa resolución, explicou Gallardo, abordaron o problema desde a teoría de funcións de variable complexa, “unha perspectiva diferente á habitual que quizais nos deu a clave”.

O impacto na comunidade matemática mundial do anuncio, presentado na USC con gran emoción polos dous expertos, “vai ser inmediato e de enorme transcendencia”, indicou o presidente da RSME, en tanto que non só supón unha importante contribución á ciencia básica senón que vai ter aplicacións prácticas en múltiples campos.

A nova investigadora Eva Gallardo, titulada pola Universidade de Sevilla, desenvolveu a súa actividade profesional nas universidades de Cádiz, Zaragoza e actualmente na Complutense. Pola súa banda, Carl Cowen, que entre 2005 e 2007 presidiu a Asociación Matemática Americana, traballou nas de Illinois en Urbana-Champaign e Purdue. Os dous expertos reservaron esta noticia de alcance mundial para ser comunicada neste congreso, algo que Campillo lles agradecía publicamente de maneira moi emocionada.

Carl C. Cowen e Eva Gallardo © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.