Se algo ten de bo Internet é que, dende os seus comezos, foi construída en boa medida a través da iniciativa e impulso dos seus usuarios, que a foron definindo e dando forma. Se cadra esta afirmación oculta unha gran carga de inxenuidade tendo en conta o enorme poder acadado polas empresas punteiras da rede, de Google a Facebook, pasando por Apple, pero tamén nestes casos cómpre recoñecer que estas mesmas empresas, precisamente por seren empresas e buscaren o máximo beneficio, veñen comportándose de maneira moi permeable ás presións ou demandas dos seus clientes. Cando menos máis ca noutros ámbitos menos virtuais. Todos lembramos o éxito da campañas que reclamaba unha versión de twitter en galego, ou a importancia da demanda social do punto gal para a definitiva concesión do dominio galego. E están en marcha outras, coma a que lle reclama a Apple versións dos seus produtos e sistemas operativos na nosa lingua.
Só certos terminais illados de fabricantes como LG, Samsung ou Sony dan ao usuario á opción de escoller o galego
É por iso que vén de arrancar con moita forza unha campaña que busca que Android, que domina o mercado dos dispositivos móbiles (smartphones e tabletas) cun 90% do total en Galicia, segundo os datos de Mallando, inclúa o galego como opción no seu sistema operativo base. Só certos terminais illados de fabricantes como LG, Samsung ou Sony dan ao usuario á opción de escoller o galego. A iniciativa diríxese a Google, responsable deste sistema operativo, e baséase na web Android en Galego e nunha petición online en change.org. Parte do blog Mallando no Android e conta co apoio do operador de telecomunicacións galego R Cable, e diversas empresas adicadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles en Galicia, como Smart GalApps, Zadia Software, RedInPut, Mobialia, NeoBitStudio e distribuidores como HardGalicia.
"Unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma"
A iniciativa conta cun manifesto que salienta que "malia a súa complicada situación sociolingüística", o galego é "unha lingua especialmente viva no campo das novas tecnoloxías", tanto pola súa "importante presenza como lingua de uso nas redes sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá)", senón tamén "pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas". O manifesto péchase dicindo que "unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma desde a versión base de Android, a desenvolvida por Google, de forma que evite que a súa presenza en cada terminal dependa da vontade dos fabricantes".