Van xa dúas semanas. O traballo foi moito, prometémolo, e os erros (somos conscientes) moi numerosos, pero Praza comeza a camiñar. Praza Pública tivo nos primeiros quince días de funcionamento máis de dez mil usuarios únicos diarios, chegando ás 370 mil páxinas vistas. Rozamos os tres mil seguidores e seguidoras en twitter e superamos esa cifra en facebook, o que nos sitúa xa entre os cinco medios galegos máis populares nas redes sociais. Este mesmo venres fixemos un cambio nas contas de twitter; dende agora, a conta principal difundirá as actualizacións que os xornalistas de Praza facemos no Fálase de. A conta Praza Op/Ed permite ver todos os artigos de opinión, editoriais e agora tamén as actualizacións dos blogs.
Este mércores activamos os primeiros blogs especializados, que podedes consultar aquí, e ao longo da semana que vén, iremos poñendo en marcha moitos máis. Algúns centrados nunha área xeográfica (Illas Británicas, Catalunya, Arxentina, EE.UU., Brasil, China, Bruxelas...), outros en cultura (artes visuais, música, teatro, banda deseñada, cinema, literatura...), deportes (rallies) e en moitos máis temas: moda, sexo, viaxes, sendeirismo, ciencia, videoxogos, arquitectura, patrimonio...
Nas vindeiras semanas poñeremos en marcha outros espazos, sobre todo destinados a que a vosa participación sexa máis activa e teñades máis capacidade para construír con nós a información. Activaremos unha Praza Aberta, que seguindo modelos xa ensaiado en Vieiros (Open Vieiros) ou Galicia Confidencial (GC Aberto), vos permitirá publicar directamente noticias. Máis adiante poñeremos en marcha outros espazos para a construción colaborativa de informacións e elementos do chamado xornalismo de datos. Así mesmo, en marzo poñeremos en marcha un espazo dedicado ao ensino.
Algúns datos
Nestes primeiros quince días tivemos entre 10 e 15 mil usuarios únicos de luns a venres, e entre 6 e 10 mil as fins de semana, en total ao redor de 150 mil visitas únicas nos primeiros 15 días, e un total de 370 mil páxinas vistas. Máis de 53 mil persoas distintas entraron en Praza nestas primeiras dúas semanas.
Cada un de vós mira 2,6 páxinas en cada visita, e pasa unha media de case cinco minutos en Praza cada vez que entrades.
32 mil destas visitas viñeron da Coruña, 29 mil de Compostela, 19 mil de Vigo, 11 mil de Madrid, seguidas de Ourense, Lugo, Barcelona e Pontevedra. A maior parte das visitas proceden do Estado Español, pero tivemos 1.500 visitantes procedentes do Reino Unido, 700 de Alemaña e 600 de Portugal.
Catro de cada dez visitantes empregan o Firefox, tres de cada dez o Chrome e algo menos do vinte por cento o Internet Explorer.
15 mil das visitas, ao redor do 15% fixérono a través dos seus teléfonos móbiles. 35 mil visitantes entraron dende Facebook, e uns 13 mil dende Twitter.
As seccións máis visitadas son, por esta orde, política, economía, cultura, movementos sociais e ciencia e tecnoloxía.