'Redes Galegas': as redes sociais como aliadas da lingua para chegar ás novas xeracións

Redes Galegas celebra este xoves a súa primeira sesión © Uvigo

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación organiza todos o anos o Día das Redes Galegas, un evento que serve para analizar e debater sobre a importancia das redes sociais na actualidade, facendo especial fincapé no seu papel na difusión do galego. A edición 2020, que debía terse celebrado esta primavera tivo que ser suspendida por mor da pandemia, pero unha vez reformulada, transformouse nun ciclo de conversas virtuais que comezará esta semana e rematará o vindeiro 12 de novembro.

Este xoves celébrase a primeira das tres sesións virtuais que compoñen este ano o Día das Redes Galegas, que afonda na importancia das novas tecnoloxía e no seu papel na difusión do galego

Na primeira sesión, este xoves 29, participarán a xornalista María Yañez, directora de Vinte, e o youtuber (e ex alumno desta facultade) Mario Brión, que abordará o labor que desenvolve a través da conta Olaxomario

O 5 de novembro participarán a profesora Pilar Ponte, impulsora da iniciativa 21 días co galego, e que entrevistamos hai uns meses, e a ex-alumna da facultade Adriana Villamisar, directora de arte na axencia Nasas, “quen vai facer unha reflexión sobre a cultura, os tópicos e a idiosincrasia galega”. Finalmente, a treceira sesión, o 12 de novembro, reunirá dous profesionais do sector publicitario formados tamén no centro, David Sousa, director creativo en Mustache, e María Reimunde, responsable de márketing dixital de captación en Campus Training. 

Programa completo da edición 2020 de Redes Galegas © Uvigo

No primeiro debate participarán María Yáñez e o youtuber Olaxomario

As tres conversas, moderadas polo profesor Andrés Fraga, poderán seguirse en directo a través da ferramenta de Campus Remoto da Universidade de Vigo, empregando o contrasinal redesgalegas. Despois das intervencións iniciais das dúas persoas convidadas cada día, establecerase un diálogo entre moderador, participantes e público, nuns coloquios programados para ás 20 horas cada un dos tres días

As tres sesións afondarán en cuestións como a presenza da cultura galega en internet ou no uso das redes sociais como un xeito de achegar o idioma ás novas xeracións

O Día das Redes Galegas conta co patrocinio da Área de Normalización Lingüística da Universidade e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O programa está coordinados polos profesores Andrés Fraga e Alberto Dafonte. As tres sesións afondarán en cuestións como a presenza da cultura galega en internet ou no uso das redes sociais como un xeito de achegar o idioma ás novas xeracións. 

Como explica Dafonte, as circunstancias provocadas pola crise sanitaria obrigaron a “cambiar completamente o formato” do evento, converténdoo nun ciclo de coloquios, que xuntará en cada sesión a dous profesionais relacionados con internet, as redes sociais e a cultura galega, varios e varias deles formados na propia facultade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.