As LGx15 son charlas breves, dun máximo de 15 minutos cada unha, nas que se transmite de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o uso e prestixio da lingua galega, nunha iniciativa impulsada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O proxecto tivo a súa primeira edición no ano 2015 e chegou xa á súa quinta xeira, publicando posteriormente na rede os vídeos das distintas intervencións.
Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez Carrera, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas falaron de lingua, cine, redes, conciencia, autoestima, música, transmedia ou medicina
O pasado 9 de novembro o Auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo, acolleu a quinta edición do LGx15, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Teo. Ese día Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez Carrera, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas falaron de lingua, cine, redes, conciencia, autoestima, música, transmedia ou medicina, nunha gala presentada e amenizada por Os da Ría Íntimos, é dicir, por Arturito Puy e Fabián Santomé acompañados por Suso Pián, que ofreceron o seu particular humor e algúns dos seus xites máis coñecidos.
Dende esta semana poden verse xa en youtube os vídeos das oito intervencións, oito charlas de entre 11 e 17 minutos que compilan ideas, experiencias e recomendacións que poden mellorar o futuro da lingua.
As oito charlas
- Rosa Aneiros (escritora e xornalista) prometeu non falar de lingua, senón de bicicletas, e de como os pequenos da casa aprenderon a andar nelas. A súa intervención titúlase O que entendín cando aprendestes a andar en bicicleta e fala, si, de medios de comunicación.
- Suso López (produtor de cine) veu con máis preguntas ca respostas, mais trouxo canda el experiencias felices, proxectos futuros e necesidades que cómpre atender no ámbito do cinema. Contóunolo todo en O emprego da lingua nun proxecto de cine independente.
- Unha data é o título da charla de Alba Rodríguez Carrera (traballadora e estudante): o 01/01/2019 e todo o que viviu Alba desde ese día son a mostra de que é posible pasar a ser galegofalante con realismo, moita consciencia e amor pola lingua.
- Dhaunae de Vir (especialista en transmedia) explicounos en que consiste iso do transmedia en Que foi do galego nos videoxogos e no transmedia. De moito interese son a analoxía feita coa tradición oral e as propostas que achegou para que linguas coma o galego sexan capaces de estar presentes neste novo escenario multimedia.
- Xoana (cantante) sabe de prexuízos e do limitantes que resultan, pero desde a súa faceta musical quere contribuír a mudar isto. Un día dixo Mamá, papá, quero ser cantante e xa ten un disco, Dardos, para facernos espertar consciencias e mostrar que o galego é válido para calquera estilo.
- Alba Mancebo (xornalista e responsable de contidos web da CRTVG) chegou para falar de dous temas que axudan a dar vitalidade á lingua: os trazos dialectais e a necesidade de falar na rede de galego, en galego e de calquera tema. A súa proposta é A importancia de contar historias en galego na rede, e con ela anímanos a crear unha comunidade forte nos medios dixitais.
- Emilio del Río (médico dermatólogo) apuntou na charla A lingua é a nosa pel ideas de moito interese, propostas que sobardan a cuestión lingüística e dotadas dunha forte compoñente social. Mesmo se aventurou a predicir como será o galego do futuro…
- Roberto Rivas (aprendiz da vida, como el se define) trasladounos a importancia de traballar colectivamente a favor da lingua. Todo cambia é o título da súa intervención e a súa charla vai da paixón por se achegar á lingua, por ir ás raíces da cultura en contacto coa xente que a sostén.