Teo acolle o 9 de novembro a quinta edición do evento no que persoas de moi diversos ámbitos profesionais achegan experiencias arredor da lingua
O evento LGx15, conformado por charlas dun máximo de 15 minutos arredor da lingua galega a cargo de persoas de todo tipo de ámbitos profesionais, chega o próximo sábado 9 de novembro á súa quinta edición, desta volta no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo. Alí, a partir das 18 horas, oito poñentes intentarán achegar experiencias e ideas para recargar as baterías do galego baixo o lema ‘Hai futuro’.
Iniciadas en 2015, as charlas LGx15 contarán este ano coa participación de persoas convidadas que falarán de lingua, cine, redes, conciencia, autoestima, música, transmedia ou medicina. “Diferentes temas e visións diversas para axudarnos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos, alento reforzado e propostas de mellora. Un formato novo para meditar, actuar e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas”, salientan desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, entidade organizadora do evento.
Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez Carrera, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas falarán de lingua, cine, redes, conciencia, autoestima, música, transmedia ou medicina
As persoas convidadas nesta ocasión son: Rosa Aneiros (escritora e xornalista, que propón unha charla co título “O que entendín cando aprendestes a andar en bicicleta”), Suso López (produtor de cine, que falará de cine independente e lingua), Alba Rodríguez Carrera (traballadora e estudante, que desvelará unha importante decisión que tomou o primeiro de xaneiro e como está a vivir esta experiencia), Xoana (cantante, que falará de música e concienciación lingüística desde a súa visión como moza creadora), Alba Mancebo (xornalista e responsable de contidos web da CRTVG, que exporá as súas ideas sobre a importancia de contar historias en galego na rede), Emilio del Río (médico dermatólogo, que falará da súa relación coa lingua como instrumento médico), Dhaunae de Vir (especialista en transmedia, que analizará o uso da lingua nos videoxogos e transmedia e fará propostas de futuro) e Roberto Rivas (bombeiro e activista social, que trasladará a importancia de facer cambios positivos socialmente a favor da lingua). O LGx15 deste ano será conducido por Os da Ría Íntimos coa súa particular combinación de música e humor.
As entradas para o LGx15 están á venda na web do evento a un prezo de 6 euros. Tamén se poderán adquirir nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela (na rúa do Hórreo, 46) e na Librería d’Ana de Teo (travesía da Ramallosa, 10). O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros no propio Auditorio Constante Liste.