Chega o LGx15: novos argumentos e alento reforzado para o galego

Celebración do LGx15 en Compostela © LGx15

Unha zoqueira, un webmáster, un músico estadounidense, un gandeiro, unha poeta, un e unha blogueira, unha comunicadora e unha costureira de internet. Todas estas persoas falando sobre o futuro do galego. Iso é, así moi por riba, o LGx15 e que terá lugar este xoves na Sala Capitol de Compostela a partir das 18 horas. Pero é moito máis, tamén a música dos Poetarras ou o humor dos regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís O Caruncho. E, sobre todo, oito charlas breves, dun máximo de 15 minutos cada unha, en que se transmitirán "de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o uso e prestixio da lingua galega".

O LGx15 traslada, a través de breves charlas, "argumentos e consellos para influír positivamente sobre o uso e prestixio da lingua galega"

Os protagonistas serán Elena Ferro (zoqueira, quen falará sobre a necesidade de defender o noso), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que falará das TIC en galego), Alberte Lamazares (labrego, que tratará un dos principais usos da lingua: falar), Mark Wiersma (músico estadounidense, quen nos levará até o ano 2050 coa lingua e o son), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Diana Fernández e David Díaz (blogueira/o de Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), María Yáñez (costureira de Internet, que demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera millennial) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais).

O LGx15 chega neste 2016 á súa segunda edición con intervencións dun máximo de 15 minutos en que as persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de tecnoloxía, de música, de artesanía, de gastronomía, de autoaxuda, de underground... Organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, trataranse diferentes temas "para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado".

Persoeiros de diferentes sectores tratan diferentes temas "para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado"

Segundo os organizadores, o LGx15 é "un formato novidoso para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas". Na primeira edición, hai un ano, participaran Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi e Xosé Lois Vilar, ademais das actuacións de AldaoLado, Alba María e Xenderal. Os vídeos desas diversas charlas poden verse en Youtube, xa que "unha parte fundamental deste proxecto é tamén a difusión desas ideas a través da rede".

As entradas anticipadas para este evento están á venda ao prezo de 6 euros na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente na Tenda A Reixa de Compostela. O mesmo día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros na billeteira para asistir a un proxecto "pensado para o
entusiasmo, a diversión, a reflexión, o orgullo e o futuro do galego". 

Cartaz de LGx15 Dominio Público LGx15

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.