Robots galegos na Coruña para a primeira Mobile Week fóra de Barcelona

Un robot diante das autoridades na inauguración da Mobile Week na Coruña Dominio Público Xunta de Galicia

Unha xornada sobre ciberseguridade e un obradoiro de alfabetización dixital abriron o pasado mércores a Mobile Week Coruña. Isto é, o primeiro evento tecnolóxico promovido pola Mobile World Capital fóra de Barcelona e que ten o seu epicentro ata o martes 27 na Coruña, aínda que tamén con actividades puntuais noutras localidades. A cita, centrada no concepto de "futuro cotián" para abordar as evolucións tecnolóxicas que xa "condicionan a evolución da nosa sociedade" combina presentacións para profesionais do sector con exposicións e actividades para o público xeral. Entre elas, o fomento da robótica entre a rapazada.

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña impulsa dous talleres de robótica para alumnado de terceiro curso de Primaria

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña impulsa no marco da Mobile Week dous talleres de robótica para alumnado de terceiro curso de Primaria. A través dos xogos, este xoves e venres poden "coñecer avances neste ámbito e probalos en primeira persoa a través dos xogos" co obxectivos de "espertar o interese na tecnoloxía entre os máis pequenos". Desenvólvense nos colexios Escolapios -o día 22- e no Eusebio da Guarda -o 23-. Xa o sábado e en colaboración coa compañía de telecomunicacións R, o CITIC abre a súa sede a nenas e nenos de 9 a 10 anos (10:30) e para rapazada de 7 a 8 anos (12:30). Ás cinco da tarde do sábado, pais e nais poden asistir a unha conferencia sobre robótica na infancia.

O mércores, na inauguración da Mobile Week, o director da mesma, Carlos Grau, salientou que “a idea é levar a tecnoloxía á sociedade civil”. Nese acto, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, insistiu nesa importancia da “implicación de toda a sociedade” na innovación mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia é “un lugar adecuado para manter unha empresa de tecnoloxía”. Os dous apostaron por que o evento continúe en anos próximos.

Talleres da Mobile Week Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.