Brazos mecánicos que axudan en terapias de rehabilitación, pequenos humanoides que facilitan a vida de persoas con alzheimer ou dispositivos que lle facilitan ás persoas maiores seguir ben os tratamentos médicos e non esquecer medicamentos. Pequenas axudas que facilitan a vida das persoas.
Estas e outras aplicacións prácticas da robótica debátense estes días na Universidade de Santiago de Compostela, no XIII Workshop en Axentes Físicos. Este evento, impulsado pola rede RedAF, xunta a profesores, alumnos e as súas creacións de diferentes universidades do Estado e doutros países para debater como mellorar a vida das persoas coas súas creacións e buscar novas vías para melloralas.
A robótica será máis necesaria a medida que envelleza a poboación
Os organizadores explican que a robótica é cada vez máis necesaria "nunha sociedade cun envellecemento notorio da poboación na que os núcleos urbanos non cesan de crecer tanto en tamaño como en densidade”.
Unha das claves é como ensinar ás máquinas a desenvolver as tarefas para as que foron creadas en contextos diferentes. O obxectivo é crear robots que aprendan de xeito autónomo, pero mentres non se consegue búscase que sigan un proceso de aprendizaxe semellante ao dos humanos. Nesta liña, o profesor Jan Peter, da Universidade Técnica de Darmstadt, destacou a importancia de que os robots aprendan das súas propias experiencias para logo aplicalo a diferentes ámbitos.
O seu grupo de investigación conseguir adestrar brazos robóticos para que xoguen ao tenis de mesa, un sistema de aprendizaxe que agardan poder aplicar nun futuro en campos como a medicina.
Robótica galega
A celebración do congreso coincide coa inauguración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS). Nun laboratorio aínda por estrear tiveron lugar diversas demostracións de robots detinados a mellorar a vida das persoas.
O centro CITIUS da USC busca converterse nun referente da robótica mundial.
O profesor Roberto Iglesias, do departamento de Electrónica e Computación destaca a importancia deste centro, un dos primeiros edificios do proxecto Campus Vida, e que busca converterse nun referente da investigación robótica. Iglesias considera que a USC é un centro cun "razoable prestixio" neste eido, se ben tamén notaron as consecuencias da crise e os recortes orzamentarios.
Co novo laboratorio os investigadores continuarán a buscar como crear e mellorar robots que poidas adaptarse ao medio de forma rápida, á vez que intentan converterse nun punto de atracción para científicos e estudantes do resto do mundo, destaca Iglesias.