Salustiano Mato, reelixido reitor da Universidade de Vigo cunha participación do 8,6%

Urnas instaladas nunha das facultades da Universidade de Vigo © Universidade de Vigo

A baixa participación nas eleccións de todo tipo na universidade (ao Reitorado, ao Claustro) é unha constante. Porén, os datos dos comicios celebrados este martes da Universidade de Vigo están movendo a unha certa preocupación, polos baixísimos niveis acadados, sobre todo entre o alumnado. A participación total situouse no 8,6% (moi por debaixo do 23% rexistrado hai catro anos), unha cifra que entre os e as estudantes queda no 3%. O actual reitor Salustiano Mato, de Alternativa Universitaria, era o único candidato, e polo tanto acadou a reelección, pero fíxoo unicamente con 751 votos dos 1950 emitidos, fronte a 908 votos en branco e 291 nulos. 

Entre as razóns que se apuntan para explicar unha participación tan baixa está, ademais da ausencia dunha candidatura rival, a non celebración de eleccións ao claustro nos sectores PDI A, PDI B e entre os estudantes en varios centros e facultades dos tres campus.

Coñecidos os resultados Salustiano Mato manifestou o seu propósito de “de seguir co traballo que iniciamos e co ánimo de cumprir co proxecto que deseñamos para oito anos”, situando como obxectivos “poñer á Universidade no mundo, conseguir novos fitos e que desenvolva todo o seu potencial internacional e sexa dona de si mesma”. En canto ao elevado número de votos en branco, Mato rexeitou facer deles unha lectura unívoca: “significan moitas cousas, desde o escepticismo, a unha expresión de neutralidade ou un voto de castigo".

No campus de Vigo, o candidato obtivo os seus mellores resultados en centros como Ciencias do Mar (31 dos 50 votos emitidos), Enxeñaría de Minas (41 de 87), Ciencias Económicas e Empresariais (64 de 150) e Filoloxía e Tradución (39 de 85). No tocante ao campus de Ourense, os mellores resultados de Alternativa Universitaria obtivéronse en Dereito e Historia, mentres en Pontevedra viñeron de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte.

No Campus de Ourense o número de votos en branco foi moi elevado, superando amplamente aos da única candidatura. Así, dos 545 votos depositados nas urnas, 293 foron brancos, 177 a favor da candidatura de Salustiano Mato e 75 nulos. O voto en branco foi maioritario na Escola Superior de Enxeñaría Informática, na Facultade de Ciencias da Educación, no PDI da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo e no estudantado e PDI doutor con vinculación permanente á Universidade da Facultade de Ciencias.

En Pontevedra, en cambio, os votos para Alternativa Universitaria si superaron o número de votos en branco en todos os sectores e facultades. Mato recibiu 155 dos 262 votos válidos emitidos. Mato recibiu o maior apoio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde foi votado por 49 das 63 persoas que participaron neste proceso. No lado contrario, o estudantado da Facultade de Belas Artes decantouse maioritariamente polo voto en branco.

Salustiano Mato votou na Facultade de Bioloxía © Universidade de Vigo
Só votou o 3% dos alumnos e alumnas © Universidade de Vigo
Salustiano Mato, co seu equipo, celebrando a reelección © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.