Serías quen de modelar obxectos en 3D co teu teléfono móbil?

Proxecto piloto desenvolvido en Guitiriz en 2012 Dominio Público USCAN3D

Os smartphones téñense convertido no aparello electrónico máis común, empregado por practicamente todo o mundo. Nenos e nenas manéxano con habilidade e familiarízanse con eles dende as idades máis temperás. É por iso que dende distintos eido se leva tempo explorando as súas posibilidades pedagóxicas. Vén de abrirse o prazo para inscribirse na segunda edición do campionato internacional de modelado 3D de precisión con teléfono móbil D3Mobile Metrology World League 2015, un certame organizado polo grupo de investigación USCAN3D da USC. Nel poden participar escolares nados en 1997, 1998 e 1999 de centros educativos de todo o planeta. O obxectivo, por riba de todo, é potenciar as vocacións científicas entre os rapaces e rapazas dende os estudos de secundaria.

O profesor da USC e director do proxecto, Juan Ortiz, explica que a creación e posta en marcha deste proxecto partiu do feito de que os modelos 3D de precisión se empregan decote en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil coma o cinema, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos. “A mocidade sorprenderase das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para a realización de modelos deste tipo, así como do doado que resulta facelos e do rápido que conseguen resultados mentres se divirten”, sinala. Na web, de feito, ofrécense numerosos exemplos reais das numerosas aplicacións do modelado 3D e ofrécese información e ferramentas sinxelas para realizar modelado 3D de precisión simplemente a partir de fotografías tiradas co móbil.

Os modelos 3D de precisión empréganse decote en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil coma o cinema, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos

Os e as estudantes inscritas aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus móbiles, no seu propio ordenador e cun software fotogramétrico libre: “A habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que nunhas horas adquiran as destrezas necesarias para participar no campionato”, explican os responsables do concurso. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica", engaden.

Nesta segunda edición deste certame incorpóranse dúas novas categorías:a D3Mobile Art, máis centrada en cuestións estéticas ca na calidade métrica; e D3Mobile Ano da Biotecnoloxía en España, pensada para difundir a biotecnoloxía. A inscrición permanecerá aberta até o vindeiro 5 de marzo. Os equipos deben contar con entre dous e catro estudantes, dirixidos por un docente. Durante o mes de maio poderanse votar os traballos presentados e os gañadores e gañadoras coñeceranse en xuño.

Imaxe da competición Dominio Público Praza Pública
Proxecto piloto desenvolvido en Guitiriz en 2012 Dominio Público USCAN3D
Entrega de premios da pasada edición Dominio Público USCAN3D

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.