A versión completa do xogo estará dispoñible esta primavera, pero na súa compra anticipada xa chegou a máis de 150 países dos cinco continentes
The Waylanders é un videoxogo de rol (RPG) de fantasía, inspirado nas lendas e a mitoloxía celta de Galicia e Irlanda (especialmente no Libro das Invasións) e na que o Camiño de Santiago é tamén protagonista e que toma como referencia clásicos como Dragon Age: Origins, Neverwinter Nights 2 ou Baldur’s Gate.
Foi desenvolvido polo estudio coruñés Gato Salvaje e supón unha superprodución na que traballaron durante anos ducias de profesionais, co obxectivo de chegar a todos os mercados do planeta. De feito, de momento suma vendas en máis de 150 países dos cinco continentes e un amplo seguimento na prensa especializada internacional.
Entre os contidos e funcionalidades que están a ser engadidas figura a posibilidade de xogar en lingua galega, unha opción que estará dispoñible o vindeiro 25 de xaneiro
O xogo saiu á venta en xuño de 2020 en acceso anticipado, unha opción que permite engadir contido progresivamente antes do lanzamento final, previsto para esta primavera, e mellorando aspectos do xogo grazas ás achegas da comunidade de xogadores e xogadoras.
Entre os contidos e funcionalidades que están a ser engadidas figura a posibilidade de xogar en lingua galega, unha opción que estará dispoñible o vindeiro 25 de xaneiro. Así, The Waylanders estará dispoñible en galego, español, inglés, ruso, chinés, alemán e francés. De feito, xa se pode escoitar en galego o trailer do xogo, que conta coa dobraxe de Antonio Esquivias (a voz do Actor Secundario Bob nos Los Simpson, ou de Frasier na serie homónima).
Gato Studio "quere demostrar que Galicia, o seu patrimonio e as súas paisaxes, son interesantes para os xogadores de todas as partes do mundo, e que é posible poñer en valor a súa cultura sen renunciar a contar unha absorbente historia de fantasía"
Outra das últimas novidades do xogo é a incorporación da recreación da Compostela medieval, escenarios que estarán dispoñibles no lanzamento final do xogo, esta primavera. Así, pódese ver a Catedral tal e como era na súa etapa románica, con detalles recoñecibles como o Pórtico da Gloria e referencias aos deseños do Mestre Mateo para a súa construción.
A acción do xogo desenvólvese en dúas épocas diferenciadas: celta e medieval, tomando como escenario a Galicia e algunhas localizacións ben recoñecibles, entre elas a Torre de Hércules, o Ézaro ou a cidade de Compostela. Gato Studio "quere demostrar que Galicia, o seu patrimonio e as súas paisaxes, son interesantes para os xogadores de todas as partes do mundo, e que é posible poñer en valor a súa cultura sen renunciar a contar unha absorbente historia de fantasía", destacan.
The Waylanders é un videoxogo de rol (RPG) de fantasía, inspirado nas lendas e a mitoloxía celta de Galicia e Irlanda e na que o Camiño de Santiago é tamén protagonista
O xogo conta cun sistema de combate estratéxico e innovador, que inclúe formacións especiais para unhas batallas con alta profundidade táctica. Os personaxes son completamente personalizables e con "distintas orixes" para que se adapte completamente a estilo de cada xogador ou xogadora. A produción inclúe así mesmo unha ampla variedade de companions que acompañan o personaxe protagonista durante a aventura. "Poderás ter profundas conversas, descubrir o seu pasado, facer misións de lealdade para gañar a súa confianza e mesmo experimentar romances con eles", destácase dende o estudio Gato Salvaje.
No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot
Dez anos de experiencia
Gato Salvaje presentou en 2010 o seu primeiro videoxogo, AR-K, que buscou lanzar a través de Kickstarter, algo que conseguiu finalmente en 2013, conseguindo máis de 100.000 euros nesa campaña de micromecenado. En 2014 presentou o segundo episodio do xogo e en 2015 chegou o terceiro, La Gran Evasión. No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot.