Todas as Compostelas da literatura, sobre un mapa

O centro de Santiago, dende Carme de Abaixo © USC

Un grupo de investigadores/as das universidades de Santiago, Cáceres e Huelva lanza o proxecto Compostela Xeoliteraria, unha web que amosa con ferramentas cartográficas os espazos que protagonizan un grupo de novelas que teñen a Compostela como centro. Nunha primeira aproximación, aínda parcial, traballan cun corpus limitado de textos publicados entre 1842 e 1926: Santiago desde la Torre del Reloj (Antonio Neira de Mosquera, 1842), El camino de Santiago (Prudencio Canitrot Mariño, 1909), El último estudiante (Juan Bautista de Armada y Losada, 1883), La Casa de la Troya (Alejandro Pérez Lugín, 1915), La muceta roja (José Rodríguez Carracido, 1890), Mi hermana Antonia (Ramón María del Valle-Inclán, 1909), Palladis Tyrones (Armando Cotarelo Valledor, 1919) e Pascual López. Autobiografía de un estudiante de medicina (Emilia Pardo Bazán, 1879).

Compostela Xeoliteraria amosa con ferramentas cartográficas os espazos que protagonizan un grupo de novelas que teñen a Compostela como centro

No proxecto traballan conxuntamente especialistas en estudos literarios e xeografía, destacando que "o contacto entre estas áreas de estudo ofrece un terreo de investigación e interpretación cun forte desenvolvemento internacional nos últimos anos, especialmente mercé ás novas ferramentas cartográficas e infográficas. É o caso das coñecidas como humanidades espaciais". O grupo de investigación, dirixido polo catedrático da USC Fernando Cabo Aseguinolaza, definiu nunha primeira aproximación aos devanditos textos, adscritos maioritariamente ao xénero da estudantina. “Trátase dun conxunto de textos acoutado e ben definido que comparte a visión de Santiago como cidade estudantil descrita desde a experiencia dos estudantes universitarios de finais do XIX e principios do século XX”, explica o profesor Cabo. "Trátase dun corpus complexo e desigual desde o punto de vista canónico, ideolóxico e estético, “pero con coincidencias moi significativas na formulación dun espazo literario de gran densidade”, engade.

Un dos eixos da investigación incide no uso de cartografías literarias, a partir das posibilidades abertas polos SIG (Sistemas de Información Xeográfica). Os mapas permiten visualizar a dimensión espacial do corpus: mapas de puntos e rutas, de recorrencia, mapas dinámicos, mapas que marcan a diferenza entre lugares de acción e de proxección, entre lugares proxectantes e proxectados. Para a divulgación dos resultados da investigación optouse por un soporte interactivo (Story Map).

Este proxecto "quere reivindicar e facer súas tanto a asentada tradición espacial das humanidades como esta recente evolución cartográfica dacabalo entre disciplinas xeográficas e literarias"

As Humanidades Espaciais (Humanities GIS) usan as tecnoloxías de base xeoespacial para xerar novos coñecementos relativos ás culturas humanas do pasado e do presente. Este proxecto "quere reivindicar e facer súas tanto a asentada tradición espacial das humanidades como esta recente evolución cartográfica dacabalo entre disciplinas xeográficas e literarias", subliñando os seus responsables que os Sistemas de Información Xeográfica "non só supuxeron un neto avance tecnolóxico, senón tamén un cambio epistemolóxico ligado á converxencia da web espacial e os dispositivos móbiles nun contexto económico globalizado ávido de información xeoetiquetada e susceptible de ser integrada por medio de software con vocación espacial".

A acoutación temporal (1842 e 1926) desta primeira achega non é casual: ábrese co texto Santiago desde la Torre del Reloj de Antonio Neira de Mosquera e péchase coa publicación da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, que lle dedicaba un apartado á "Compostela na literatura", sinalando a Neira de Mosquera como o iniciador da "interpretación romántica de Santiago". De igual xeito, Gonzalo Torrente Ballester afirmou que o Santiago que predomina no imaxinario social é basicamente unha creación decimonónica.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Espazos de 'La Casa de la Troya' © USC
O Camiño Francés e a Vía da Prata, presentes na novela 'El Camino de Santiago' © USC
Elementos naturais (verde) e antrópicos (vermello) presentes na novela 'Desde el cielo', de Manuel Murguía © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.