UDC: Recortar o gasto ou mellorar o financiamento?

Xuntanza entre o reitor, Xosé Luís Armesto, e os conselleiros de Educación e Facenda, Román Rodríguez e Valeriano Martínez © UDC

A pasada semana a Universidade da Coruña (UDC) anunciou a paralización de todos os seus gastos correntes ante as limitacións de liquidez. A institución responsabiliza da situación ao desaxuste orzamentario motivado pola débeda de 3,8 millóns de euros que a Xunta mantén coa UDC e ao "atraso na recepción periódica dos ingresos previstos" procedentes da administración autonómica. Este martes o reitor Xosé Luis Armesto reuniuse cos conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Facenda, Valeriano Martínez, "para tratar de achegar posturas e atopar solucións que eviten calquera tipo de prexuízo á comunidade universitaria".

O Goberno galego esíxelle á UDC novos axustes e recortes de gastos e, só unha vez adoptadas estas medidas, o Executivo podería considerar achegar outro tipo de axuda

Porén, as solucións propostas por unha e outra partes son ben distintas, e de momento o acordo non está á vista, aínda que Universidade e Xunta iniciaron con esta xuntanza un plan de traballo conxunto. O Goberno galego esíxelle á UDC novos axustes e recortes de gastos e, só unha vez adoptadas estas medidas, o Executivo podería considerar achegar outro tipo de axuda. Días atrás Román Rodríguez instara a universidade a facer "o que antes fixeran outras institucións". "Todas as institucións (dende concellos, ata Xunta e Estado) e a sociedade tivemos momentos de cambio, de reformas, de poñer en marcha novas estratexias, como agora está facendo A Coruña", afirmou.

A UDC demanda, como vén facendo dende hai anos, unha mellora no financiamento, despois de que as achegas económicas procedentes da administración se reducisen notablemente nos últimos anos

Pola contra, a Universidade da Coruña demanda, como vén facendo dende hai anos, unha mellora no financiamento, despois de que as achegas económicas procedentes da administración se reducisen notablemente nos últimos anos. Este 2015 foi a primeira vez que a UDC puido incrementar o seu orzamento, apenas un 1,1%, ata os 116,19 millóns de euros, aínda está moi lonxe do niveis acadados en 2009 (137,79 millóns). Porén, esta mínima suba se debeu sobre todo á recuperación da paga extra retirada ao persoal funcionario en 2012 e á suba suba de ingresos de fondos conseguidos en convocatorias públicas competitivas de I+D+i. A Universidade mesmo tivo que recorrer a un remanente de tesouraría de 2,3 millóns para cadrar as contas, nas que priorizaba o mantemento do persoal e as axudas e bolsas ao estudantado, segundo a vicerreitora de Planificación Económica, Amalia Blanco.

A UDC e a Xunta manteñen dende hai anos un intenso tirapuxa por mor do financiamento, denunciando que o actual plan seguido polo Goberno galego condena a universidade do norte do país a un moi baixo ratio de orzamento por alumno, e lembrando que a UDC non arrastra débeda ningunha, como si sucede no caso doutras institucións. En decembro a UDC interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta para reclamar o cobro de 2,8 millóns de euros, correspondente á liquidación do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015. Ademais, mantén outro contencioso aberto para reclamar 1 millón destinado a abonar a paga extra do persoal funcionario. Ademais de manter as súas reivindicacións centradas no capítulo de ingresos, a UDC anunciou a creación dunha comisión para analizar a fusión de departamentos, recortando gastos xerais. 

Os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4% entre 2009 e 2012, tres puntos por riba da media española (11,4%)

O informe Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. 2014, publicado en xaneiro pola Fundación CYD, puxo de manifesto que os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4% entre 2009 e 2012, tres puntos por riba da media española (11,4%). Neste período tamén se reduciron os seus gastos, un 7,1%, unha cifra semellante á do conxunto do Estado (6,7%). No capítulo de ingresos viuse moi afectado o apartado de taxas, prezos públicos e outros ingresos, que caeu un 20,7%, pero tamén o de transferencias correntes, os recursos que as universidades reciben das distintas administracións -sen contraprestación directa- para o abono dos seus gastos correntes, e que neste período se reduciron nun 12,9%.

Xuntanza entre o reitor, Xosé Luís Armesto, e os conselleiros de Educación e Facenda, Román Rodríguez e Valeriano Martínez © UDC
Reitorado da UDC Dominio Público UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.