Un 'manifesto galego pola ciencia' pide estabilidade e financiamento para evitar a fuga de cerebros

Unha das mesas da VIII Reunión Galega de Mozos Investigadores no Estranxeiro © MUNCYT

"Facemos un chamamento á sociedade galega para pór de manifesto a necesidade urxente de mellorar o sistema de xestión e de financiamento da investigación en Galicia. A experiencia demostrou que é imposible desligar o desenvolvemento socioeconómico e cultural dun país dos seus avances en ciencia e tecnoloxía. Necesítase unha estratexia a longo prazo. Crear un sistema científico sólido, para crear riqueza e benestar económico e social". Hai dúas semanas unha vintena de investigadores e investigadoras galegas que traballan en centros de primeiro nivel fóra de España redactaron un manifesto galego pola ciencia no marco das sesións de traballo da VIII Reunión Galega de Mozos Investigadores no Estranxeiro, celebrada no MUNCYT da Coruña.

O texto comeza denunciando os recortes sufridos nos últimos anos pola ciencia en España e Galicia e a ausencia de fórmulas e estruturas eficaces para captar e reter investigadores e investigadoras novas, que se ven obrigadas a marchar e permanecer noutros países que si lles dan a oportunidade para traballar coa estabilidade e os medios que permitan desenvolver os seus proxectos e vivir cun mínimo benestar. "Temos que loitar por vivir nun país europeo moderno, que xere coñecemento e estea na vangarda da ciencia, pois só así poderemos garantir a sociedade de benestar do futuro. As políticas científicas actuais fomentan que España se converta nun país de servizos de terceira división en Europa", denuncian, alertando de que "o problema é particularmente acuciante en Galicia", que "continúa perdendo poboación e talento investigador".

Á Xunta reclámalle a creación dunha Axencia Galega de Investigación, como instrumento para a xestión e financiamento dos fondos públicos destinados a actividades de I+D

O documento lembra que o investimento en I+D+i en Galicia é do 0,87% do PIB, fronte ao 1,19% de España, 1,82% en Euskadi e o 2% de media en Europa. Salienta igualmente que hai poucas oportunidades de contratación de persoal investigador novo e subliña que "a idade media do investigador líder de grupo en España é de 53 anos". O manifesto inclúe unha serie de recomendacións ou demandas, dirixidas sobre todo ao Goberno galego, pero tamén á sociedade e ao propio persoal científico, para reverter esta situación, incidindo ademais en fórmulas para retirar os obstáculos á incorporación da muller.

Á Xunta reclámalle a creación dunha Axencia Galega de Investigación, como instrumento para a xestión e financiamento dos fondos públicos destinados a actividades de I+D para todos os centros de coñecemento galego. O documento esixe tamén recursos suficientes para os centros de investigación: "Os investigadores que se incorporen deben facelo en centros que reúnan as condicións adecuadas", sinalan e lembran que "compete á administración aumentar as infraestruturas e dotar aos centros de investigación de servizos técnicos competitivos". 

"Os investigadores non aspiran a ser funcionarios. Pero esixen ter os mesmos dereitos laborais que outro profesional, con contratos indefinidos suxeitos a avaliacións e salarios competitivos"

Pide tamén "ampliar o plan de contratación de investigadores" para cubrir todas as fases da carreira investigadora e aposta por "desenvolver un plan de captación de talento novo (investigadores xefes de grupo)" para aumentar a masa crítica de investigadores, poñendo como referencia o desaparecido programa Isidro Parga Pondal ou o éxito de iniciativas como ICREA (do Goberno catalán) ou IKERBASQUE (do Goberno Vasco). Esixe tamén "reter aqueles investigadores que son competitivos", pois non se trata "só de captar talento", senón tamén de mantelo. "Os investigadores non aspiran a ser funcionarios, senón que, como persoal altamente cualificado, son conscientes que os seus contratos deben estar suxeitos a avaliacións polo menos cada 5 anos. Pero esixen ter os mesmos dereitos laborais que outro profesional, con contratos indefinidos suxeitos a avaliacións e salarios competitivos", subliñan. 

Chaman a "corrixir o alto nivel de endogamia que mostran as estatísticas no sistema universitario de Galicia"

Esta demanda de estabilidade amplíana aos criterios de avaliación e, de igual xeito, demandan que "os comités correspondentes deben ser nacionais ou internacionais, nunca locais". Neste senso, chaman a "corrixir o alto nivel de endogamia que mostran as estatísticas no sistema universitario de Galicia" e subliñan que a captación de talento "non debe restrinxirse" só a investigadores españois ou galegos nin se debe favorecer a estes fronte a outras nacionalidades en ningunha das convocatorias. Recomendan "implantar de forma máis eficiente o uso do inglés nas aulas universitarias e nos centros de investigación, para evitar a limitación do idioma".

Destacan que "é necesario aumentar os recursos e financiamento a proxectos e grupos de investigación" e recomendan xerar novas oportunidades como as denominadas seed grants, con dotacións económicas para investigadores novos nas súas primeiras fases de independencia para conseguir resultados que lles permitan acceder dunha forma competitiva a fases máis avanzadas da carreira investigadora.

Os e as asinantes conclúen que "os e as investigadoras que están a traballar fóra das nosas fronteiras non teñen medo a volver. O único que temen é volver a Galicia e verse obrigados a volver marchar"

Os e as asinantes conclúen que "os e as investigadoras que están a traballar fóra das nosas fronteiras non teñen medo a volver, porque están formados/as, saben pedir proxectos, publicar, desenvolver investigacións punteiras e sobre todo teñen a experiencia de sobrevivir en sistemas moi competitivos. O único que temen é volver a Galicia e verse obrigados a volver marchar". E reclaman "unha estratexia a longo prazo" para "crear un sistema científico sólido, para crear riqueza e benestar económico e social".

 

'Foto de familia' dos e das participantes © MUNCYT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.