Un videoxogo de dous estudantes da UDC recrea as 'Cantigas de Santa María' de Afonso X

Captura do videoxogo “O Mester”, gañador da game jam “Afonso X e Galicia” © UDC

Hai unhas semanas o Consello da Cultura Galega (CCG) e máis a Asociación Galega do Videoxogo (Videoxogo.gal) convocaron unha game jam centrada na figura do rei Afonso X o Sabio. A iniciativa forma parte das actividades organizadas ao redor da exposición 'Afonso X e Galicia', que pode visitarse na igrexa da USC en Santiago ata o 24 de abril. O CCG e a Asociación galega de Videoxogos consideraron "de gran riqueza" difundir este legado cultural entre o público novo a través de novos soportes e linguaxes.

Carlos Balado Sánchez e Pablo García de los Salmones Gómez, alumnos do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte no Campus de Ferrol, foron os gañadores do concurso co seu xogo “O Mester”, que podes atopar nesta ligazón.

O xurado destacou que o xogo “conta cunha ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva para amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporadas a formatos e linguaxes do presente”

O videoxogo parte da tradición musical das Cantigas de Santa María e propón ás persoas usuarias retos musicais cos personaxes das ilustracións do Códice. O xurado destacou que o proxecto galardoado “conta cunha ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva que permite amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporadas a formatos e linguaxes do presente”.

Na game jam participaron tamén outros dous xogos: “Decimus”, de Xogon e Xurzo Diz, e “Alfonso X y las cuatro cantigas”, de macanaDEV. 

O xurado estivo integrado pola profesora da Universidade da Coruña (UDC), directiva de Videoxogo.gal e socia de imaxin|software, Luz Castro Pena, polo membro da Sección de Lingua e Literatura e Comunicación do CCG e editor da revista Morcego, Carlos Pereiro, e mais polo xornalista, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director da plataforma de divulgación culturagalega.gal, Manuel Gago.

Carlos Balado Sánchez e Pablo García de los Salmones Gómez, alumnos do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte no Campus de Ferrol, © UDC

A exposición

A iniciativa forma parte das actividades organizadas ao redor da exposición 'Afonso X e Galicia', que pode visitarse na igrexa da USC en Santiago ata o 24 de abril

“Afonso X e Galicia” presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos políticos e contradicións persoais, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato mostra un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María e que entra en conflito co cabido compostelán. 

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos.

Outra das capturas do videoxogo © UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.