As Meninas e a ría de Ferrol, protagonistas dun concurso que dará unha semana para crear videoxogos en equipo

Imaxe do Meninas Jam, que comeza o 18 de xullo © UDC

A Universidade da Coruña e a asociación Videoxogo.gal organizan unha jam de videoxogos online, Meninas Jam, que se desenvolverá do 18 ao 25 de xullo e que terá a cidade de Ferrol e as tradicionais Meninas do barrio de Canido como centro. Unha game jam é un encontro de desenvolvedores que ten como propósito a creación dun ou máis videoxogos nun curto período de tempo. Os e as participantes, organizados individualmente ou por equipos, adoitan estar especializados nunha ou varias disciplinas: programación, deseño, arte, música etc.

Os obxectivos desta jam son "fomentar o espíritu creativo e o interese polo desenvolvemento de videoxogos"

Os obxectivos desta jam son "fomentar o espíritu creativo e o interese polo desenvolvemento de videoxogos". As Meninas de Ferrol dan nome ao evento e a cidade inspira algúns dos temas propostos para a creación dos xogos. Con todo, a temática concreta e definitiva será escollida por votación entre os participantes da jam ao inicio do evento.

A organización propuxo varias temáticas, que poderán ser debatidas e votadas polos equipos participantes: Rompendo o teito de cristal  (os xogos representarán a dificultade de conseguir un obxectivo cando nos atopamos con máis obstáculos que os nosos rivais), Restricións á mobilidade (os xogos representarán o complicado que é desprazarse por por espazos non habilitados axeitadamente ou por espazos habilitados cando te pechan ou dificultan o paso), Loitando contra o virus (os xogos mostrarán a loita contra un virus), Barcos, barcos e máis barcos (os xogos que se desenvolvan baixo este tema terán os barcos como un dos principais elementos de xogo, ben a nivel de construción, xestión, combate ou baixo calquera xénero) e  Defende a ría (os xogos que se desenvolvan baixo este tema terán o obxectivo de defender a Ría e protexela de ataques inimigos).

Participantes no Free Knowledge Game Jam CC-BY-SA Jason Krüger

A jam comezará o 18 de xullo coa presentación do evento e a votación de temática elixida para a creación dos xogos. Nos sete días seguintes, ata o 25 de xullo ás 20 horas, os diferentes equipos deberán desenvolver os xogos e subilos a itch.io. O xurado analizará as distintas propostas e votará os mellores xogos, nun proceso que rematará o 31 de xullo. Finalmente, o 1 de agosto terá lugar evento de peche da jam, que terá lugar en Discord. Nese evento anunciaranse os xogos e equipos gañadores.

A organización propuxo varias temáticas: Rompendo o teito de cristal, Restricións á mobilidade, Loitando contra o virus, Barcos, barcos e máis barcos e Defende a ría

Pode participar calquera persoa ou grupo sen restricións de ningún tipo. Os equipos poderán estar estar formados por un máximo de 5 membros. Poderase usar calquera motor para o desenvolvemento dos videoxogos. Os xogos poderán ser para Windows ou para navegador. Para a realización do xogo poderase reutilizar ata 1/3 do contido do proxecto, tanto en assets como en código, o resto deberá ser desenvolvido durante a jam.

A jam non inclúe premios e o seu fin é exclusivamente o de fomentar a creatividade e o desenvolvemento de videoxogos, así como para coñecer xente e establecer relacións entre os distintos participantes. A propiedade intelectual de todo o contido creado para cada xogo será propiedade dos membros de cada equipo.

A Universidade da Coruña conta cunha importante oferta para a formación de profesionais orientados á industria dos videoxogos

A Universidade da Coruña conta cunha importante oferta para a formación de profesionais orientados á industria dos videoxogos. En 2018 púxose en marcha o Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, un máster público e oficial de dous anos de duración que se encontra ubicado na Escola Politécnica Superior do Campus de Esteiro en Ferrol. En 2019 comezou, ademais, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos na Coruña.

Esta jam está coorganizada xunto a videoxogo.gal, a Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. Creada en 2018, esta asociación reúne ás empresas, desenvolvedores e outros axentes galegos do sector dos videoxogos, e ten como obxectivo potenciar a industria dos contidos interactivos en Galicia. "A industria do videoxogo en Galicia está nun momento efervescente", destacaba nesta entrevista Luz Castro, profesora da Universidade da Coruña especializada en creación dixital, deseño, desenvolvemento e comercialización de videoxogos e unha das fundadoras de videoxogo.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.