Iria Cisneros, alumna de 2º ESO do IES de Arzúa, obtivo o segundo premio no certame internacional Climántica 2016, organizado no marco do congreso virtual xuvenil CLMNTK16. O concurso, no que participaron 230 rapaces e rapazas de todo o mundo, facía un chamamento a presentar proxectos para sensibilizar a cidadanía fronte ao cambio climático.
Cisneros enviou un vídeo, titulado El mundo en tus manos, co que a autora quixo concienciar "sobre o impacto que o noso modo de vida actual ten sobre o planeta Terra e como está nas nosas mans coidar o mundo que habitamos". O xurado destacou a calidade do vídeo da alumna arzuá, no ámbito das animacións con explicacións de competencias chave no ámbito da ciencia e tecnoloxía.
Ademáis de Iris Cisneros, o alumno Iván Orois, tamén de 2º ESO no IES de Arzúa quedou igualmente en boa posición con dous traballos presentados: A viaxe dos baleeiros, que propón unha viaxe na que percorreremos a historia dos baleeiros e da pesca das baleas, as especies de baleas mais características nos nosos mares, a situación actual das baleas no mundo e en Galicia. As ilustracións do traballo son obra do propio autor. O segundo traballo de Orois, titulado Contaminación do medio acuático, é un traballo de investigación e sensibilización sobre a problemática derivada da contaminación do medio acuático e as súas consecuencias.