O Goberno galego asegura que a empresa galega será "un factor chave na revolución científica que permitirá desentrañar os segredos máis profundos no universo"
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou este xoves en Hamburgo, Alemaña, que a Xunta vai apoiar con 10 millóns de euros á empresa Gabadi, de Narón, na construción dun acelerador de partículas nos Estados Unidos, nunha antiga mina de ouro de Dakota do Sur. "O noso apoio a esta iniciativa recoñece a importancia estratéxica do proxecto para Galicia e para o avance da ciencia en global e ademais marca un antes e un despois na contribución da Comunidade a proxectos científicos de vangarda", valorou a conselleira.
Segundo explica a Xunta, Gabadi, nacida da construción naval, é unha empresa de Narón especializada na fabricación de tanques de membrana por todo o mundo e "un exemplo da aposta pola innovación, a internacionalización e os investimentos". Canto ao acelerador de partículas, coñecido como DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment), "será o máis potente do mundo" e "un dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global e será clave para a investigación dos neutrinos e a exploración das orixes do universo”.
Segundo o Goberno galego, o proxecto en Dakota do Sur "sitúa a compañía galega como un factor chave na revolución científica que permitirá desentrañar os segredos máis profundos no universo". "A participación de Gabadi neste proxecto destaca a capacidade técnica e a innovación da empresa galega e reforza a posición de Galicia no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial", asegura a Xunta.
O anuncio da axuda económica da Xunta ao proxecto nos Estados Unidos fíxoo a conselleira durante a súa visita á feira do sector naval SMM Hamburgo 2024, na que están a participar diversas empresas galegas co apoio da administración. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Igape, 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.